O Celta pasa da Liga

O equipo celeste, pendente do decisivo encontro do xoves en Old Trafford, perde 3-0 en Málaga e suma a cuarta derrota consecutiva na Liga. O Toto Berizzo, que reservou de novo os titulares, foi expulsado tras unha enleada con Recio.

Por gcdeportes | Vigo | 08/05/2017 | Actualizada ás 01:56

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Málaga 3:
Kameni; Miguel Torres, Luis Hernández, Llorente, Ricca; Ontiveros (Keko, 84’), Recio, Camacho, Jony (Juan Carlos, 74’); Pablo Fornals (Chory Castro, 88’) e Sandro.
RC Celta 0: Sergio Álvarez; Álvaro Lemos, Sergi Gómez, Cabral (Roncaglia, 58’), Carles Planas; Chelo Díaz, Pape Cheikh, Josep Señé (Hjulsager, 70’), Jozabed (Guidetti, 80’), Theo Bongonda e Claudio Beauvue.
Goles: 1-0: Ontiveros (minuto 26). 2-0: Recio, de penalti (55’). 3-0: Sandro (minuto 90).
Árbitro: Del Cerro Grande (madrileño). Amarelas a Recio (80’) no Málaga e a Álvaro Lemos (13’), Jozabed (30’), Guidetti (80’) e Pape Cheikh (88’) no Celta. Expulsou o técnico celeste Toto Berizzo no minuto 80.
Incidencias: partido da 36ª xornada de Primeira División diputado no estadio da Rosaleda ante 23.000 espectadores.

Centrado en tentar facer historia en Europa, a Liga estase a convertir nun suplicio para o Celta, que encaixou unha nova derrota en Málaga e leva catro consecutivas, seis nas últimas sete xornadas. Na Rosaleda, apenas apareceu pola portaría de Kameni, encaixou outro 3-0 (mesmo resultado que co Athletic en Balaídos) e Sergio Álvarez foi de novo o mellor dos celestes. O meta de Catoira foi o único dos titulares contra o Manchester que xogou os 90 minutos, Cabral e Roncaglia (turnáronse nun posto de central e Guidetti tivo dez minutos ao final. Semella que o plan B do Celta (Álvaro Lemos, Planas, Pape Cheik, Josep Señé…) non está á altura, xa que o Toto Berizzo escudouse na súa xuventude.

Sergio ÁLvarez, coa decepción no xesto, e Chelo Díaz, na Rosaleda.
Sergio ÁLvarez, coa decepción no xesto, e Chelo Díaz, na Rosaleda. | Fonte: lfp.es

O Málaga dominou dende o principio, aínda que os celestes non pasaban excesivos apuros. Sandro tivo un par de ocasións ás que respondeu ben Sergio Álvarez. O primeiro gol chegou no minuto 25, tras unha xogada persoal do canteirán Ontiveros, que tras canear a dous rivais marcou coa zurda. Co 1-0, o Málaga cedeu o balón, pero o Celta non amosou moitas intencións de ir a polo empate. Sandro tivo o segundo pero de novo evitouno Sergio Álvarez.

O primeiro achegamento celeste foi xa tralo descanso, un lanzamento de falta do Chelo Díaz que petou no poste por fóra. Pero tres minutos despois, penalti sobre Sandro e Recio fai o 2-0 dende os once metros. De xeito incomprensíbel nun partido sen apenas intensidade, enleada a carón do banco do Celta entre Berizzo e Recio, que provocou a expulsión do técnico celeste (pediu perdón na rolda de prensa posterior) e dúas tarxetas para Recio e Guidetti. A lea propiciou unha pequena reacción celeste, xa con Hjulsager e Guidetti no campo, pero Beauvue desaproveitou a mellor ocasión cun remate man a man con Kameni. No tempo engadido, Sandro fixo o 3-0 definitivo. O Celta xa regresou a Vigo e adestra este luns pola tarde. O mércores, viaxe a Manchester á procura dunha xesta histórica.

Berizzo, que foi expulsado, volveu reservar os titulares para o decisivo partido en Manchester.
Berizzo, que foi expulsado, volveu reservar os titulares para o decisivo partido en Manchester. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta