SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2017 | Actualizada ás 06:31 por EUROPA PRESS
O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), situado en Belvís, dedicará o mes de maio á problemática ambiental da contaminación lumínica, a través dunha exposición temporal e dunha xornada de divulgación que incluirá un taller para nenos e unha charla coloquio para as persoas adultas.
Do 10 de maio ao 3 de xuño, o CIAC albergará a exposición 'A contaminación lumínica', cedida pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, que aborda a complexidade desta problemática ambiental, a súa orixe e algunhas das súas consecuencias, así como ás solucións que se deberían adoptar.
Este tema tamén será o que ocupe o sábado 13 de maio unha xornada de divulgación. Ás 12,00 horas celebrarase un taller denominado 'Pequen@s astrónom@s: sinxelas ferramentas para descubrir o ceo nocturno', para nenos a partir de 7 anos.
Xa pola tarde, ás 18,30 horas, haberá unha charla coloquio para abordar as consecuencias económicas, ambientais e para a saúde humana da contaminación lumínica, así como as solucións que se deberían tomar. Para iso contarase coa participación de expertos como Salvador Bará (USC), Óscar Sánchez (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío) e Lucía Giráldez (Calidade do Ceo Nocturno).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.