Eva Solla lidera a única lista que concorre á asemblea nacional de Esquerda Unida

A deputada de En Marea é a única candidata a suceder a Yolanda Díaz.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2017 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

A deputada de En Marea Eva Solla lidera a única lista que concorrerá á XII Asemblea Nacional de Esquerda Unida, que se celebrará o 3 de xuño en Santiago de Compostela e que abordará o papel desempeñado ata o momento polo partido no proceso de unidade popular.

Eva Solla, coordinadora do PC en Galicia e membro do Consello Político Nacional de EU
Eva Solla, coordinadora do PC en Galicia e membro do Consello Político Nacional de EU | Fonte: aleasiu.org

Deste xeito, previsiblemente Eva Solla sucederá á deputada de En Marea nas Cortes españolas Yolanda Díaz como coordinadora nacional de Esquerda Unida. Díaz abandonará o cargo que ocupa desde o ano 2005 tras esgotar o límite de mandatos establecidos nos estatutos da formación.

Así, a liderada por Solla é a única candidatura que reuniu os avais necesarios para concorrer ao proceso de elección da nova dirección de Esquerda Unida, que abre un proceso de participación da militancia para a votación dos documentos políticos e organizativos, o informe de xestión e a tese estatutaria.

O secretario de organización de EU, Rubén Pérez, indicou que as votacións se realizarán de forma previa á Asemblea Nacional do 3 de xuño a través de sistemas telemáticos (web ou aplicación para dispositivos móbiles).

Eva Solla (Vigo, 1984) é deputada no Parlamento galego desde as eleccións autonómicas de 2009, nas que logrou un escano con Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) pola provincia de Pontevedra. Nos pasados comicios galegos de 2016, reeditou o seu escano —nesta ocasión baixo o partido instrumental En Marea— e foi elixida vicepresidenta segunda da Mesa do Parlamento de Galicia.

UNIDADE POPULAR

No seu cónclave, Esquerda Unida abordará xuntos aos seus militantes o papel desempeñado pola formación durante os últimos anos nos procesos de "unidade popular", que derivaron na creación da coalición AGE xunto a Anova, as candidaturas municipais da esquerda rupturista e, por último, o nacemento de En Marea como, primeiro, partido instrumental para as eleccións autonómicas de 2016 e a súa posterior conversión suxeito político propio.

De feito, a coordinadora nacional saínte, Yolanda Díaz, mostrouse crítica nas últimas semanas co rumbo tomado por En Marea e, en particular, co seu portavoz parlamentario e orgánico, Luís Villares.

Díaz tachou de "un paso atrás" a elección da coordinadora de En Marea, criticada tamén por varios membros do Consello das Mareas —órgano máximo de dirección da formación rupturista— ao entender que a executiva "exclúe" a algunhas sensibilidades integradas no espazo de confluencia.

Porén, Eva Solla remarcou este venres que Esquerda Unida mantén a súa "aposta inequívoca" pola unidade popular, pero que esta debe ser "real", polo que o partido abrirá o debate entre a militancia sobre o traballo realizado neste proceso durante os últimos anos.

Segundo avanzou Pérez, a candidatura que lidera Solla —'Unha EU para a Unidade Popular'— inclúe no seu documento político que se someterá a debate "tanto a importancia de confluír" como "a necesidade de mellora" nestes procesos e que, por tanto, En Marea "retome o camiño horizontal do inicio".

TRABALLO "NA RÚA"

Así mesmo, tras irromper nas institucións, Esquerda Unida quere tamén reforzar a súa presenza en "a rúa", que terá un papel importante na "estratexia política" do próximos catro anos para loitar contra "a perda de dereitos laborais, sociais, o empobrecemento da poboación e a perda de poder adquisitivo de traballadores e pensionistas".

Así, Eva Solla destacou a importancia do traballo "de base" da militancia, xa que "cada afiliado vai ser imprescindible" no próximos catro anos "non só en Esquerda Unida, senón para toda a unidade popular".

Para Rubén Pérez —tamén portavoz de Marea de Vigo— é preciso "reflexionar sobre como está a ser" o proceso de confluencia entre a esquerda rupturista. "É lóxico que haxa altibaixos", apostilou, para logo engadir que a intención do partido é seguir apostando polas "candidaturas municipalistas" de face ás eleccións locais de 2019.

ASEMBLEA NACIONAL

Na XII Asemblea Nacional de Esquerda Unida están chamados a participar 250 delegados elixidos nas diferentes asembleas locais e comarcais celebradas nas últimas semanas.

Rubén Pérez manifestou que esta asemblea será "diferente", xa que "todo" xa estará "votado" pola militancia de forma previa ao conclave de EU.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

4 Asesores de AGE non

7500 eurazos ao mes e quería seguir sumando puntos por traballos que non facía no Sergas. Levouno o sindicato pepeiro-mareante CC.OO.

1 Antolín o dos cubatas

A maioria de En Marea somos da CIG, non te esquezas

2 LKI

Xa o saben, e moito lles proe. Pero o Consello Nazi-onal do BeNeGá deulles ordes aos de Troleada e ao resto de trols de espallar o mantra "CCoo, sindicato oficial das Mareas". Así actúa esta secta.

3 Dalle que libras

Esta é a que quería que o Sergas lle contase, sen estar traballando, o tempo de deputada para as listas de contratación

2 Eu mesmo

A ver, porqué se silenza que a senadora Vanessa Angustia Gómez, de Izquierda Unida, pero nas listas da Marea pola provincia de Pontevedra, votou onte contra o remate no 2019 das obras do AVE a Galicia, en unión de todo o grupo no senado de Unidos Podemos???. Isto xa fede!!!

1 LKI

E fixo ben. O BeNeGá, ao igual que os vosos Amos do PePé/SoE, priorizades a chegada do AVE: un tren para ricos que aumentará o turismo colonial en Galiza. En cambio a Marea prioriza a demanda dunha rede galega de cercanías ao servizo da clase traballadora galega. Cómpre non esquecer que somos a única nación da Península sen rede de cercanías que comunique o País. Pero iso ao BeNeGá da Poltrona non vos importa, sodes máis de trens de luxo coma o AVE para ir a Madrid.

1 xacobe

250, veña menos lobos, iso non xuntades en todo o estado español