O Celta non libra batalla

O equipo celeste encaixa tres goles no primeiro tempo e acaba perdendo 3-1 tras marcar Iago Aspas de penalti o seu 18º tanto na Liga. Debutou o meta canteirán Iván Villar. O mércores, xuíz da Liga ante o Real Madrid en Balaídos.

Por gcdeportes | Vigo | 14/05/2017 | Actualizada ás 20:59

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Alavés 3:
Pacheco; Vigaray, Alexis, Zou Feddal, Theo Hernández; Dani Torres, Manu García (Marcos Llorente, min.73); Toquero (Edgar, min.65), Rubén Sobrino, Katai (Óscar Romero, min.69); y Deyverson.
Celta 1: Iván Villar; Roncaglia (Jonny, 60’), Sergi Gómez, Fontás, Carles Planas; Daniel Was, Chelo Díaz (Tucu Hernández, 44’), Jozabed; Theo Bongonda (Iago Aspas, 46’), Pione Sisto e Claudio Beauvue.
Goles: 1-0: Manu García (5’). 2-0: Zou Feddal (17’). 3-0: Deyverson (37’). 3-1: Iago Aspas, de penalti (77’).
Árbitro: Munuera Montero. Amarelas a Iago Aspas (80’), Fontás (83’) e Jonny (86’) nos celestes e a Alexis (62’) no Alavés.
Incidencias: partido da 37ª xornada de Primeira División disputado no estadio de Mendizorroza ante 17.624 espectadores. Debutou no Celta o meta canteirán Iván Villar.

O canteirán Iván Villar debutou co Celta en Primeira.
O canteirán Iván Villar debutou co Celta en Primeira. | Fonte: lfp.es

Coa resaca da eliminación europea en Manchester, o Celta apenas presentou batalla en Mendizorroza ante o Alavés e tirou o partido no primeiro tempo, tras encaixar tres goles polos erros defensivos. Mellorou tralo descanso coa entrada do Tucu Hernández e Iago Aspas, o dianteiro de Moaña marcou o 3-1 de penalti, pero o equivo vitoriano non pasou apuros para manter a vantaxe e sumar os tres puntos. Quinta derrota consecutiva dos celestes na Liga, e o mércores, xuíz da Liga coa visita do Real Madrid a Balaídos.

Adiantouse o Alavés xa no minuto 5 cun gol de Manu García tras un erro de Chelo Díaz. Co 1-0 en contra, tivo unha dobre ocasión o Celta no minuto 13, un disparo de Wass que se foi a córner tras petar en Deyverson e un remate acrobático de Beauveu na área pequena, pero o Alavés volveu marcar no minuto 17, nun remate coa testa de Zou Feddal nun córner. Co 2-0, os de Pellegrino foron donos do encontro, crearon perigo a balón parado e marcaron o terceiro nunha rápida xogada pola dereita na que Vigaray asistiu a Deyverson, que marcou a pracer. 3-0 ao descanso, pésima imaxe dos celestes e lesión de Chelo Díaz, substituído polo Tucu Hernández.

O Toto Berizzo tentou mellorar as prestacións dos seus coa entrada de Iago Aspas, que levou máis perigo á meta rival. No minuto 53, o meta Fernando Pacheco evitou o gol do de Moaña, que de novo puido marcar no 64 cun remate que petou nun defensa e saiu preto do pau a córner. Si marcou Iago Aspas, o seu 18º gol na Liga, tras aproveitar un penalti sobre Pione Sisto. Quedaban quince minutos, pero o Alavés non pasou apuros para manter a vantaxe, e a mellor ocasión celeste chegou no tempo engadido cun disparo de Claudio Beauvue á trabe da portaría do Alavés. O mércores, cita co Real Madrid en Balaídos.

Claudio Beauvue non puido marcar en Mendizorroza.
Claudio Beauvue non puido marcar en Mendizorroza. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta