Sobreseída a causa contra dous concelleiros de Vigo

A xustiza atopa "irregularidades administrativas" no nomeamento sen publicidade dun funcionario para un cargo, pero non de tipo penal.

Por E.P. | Vigo | 17/05/2017 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

O xuíz de Instrución número 4 de Vigo decretou o sobresemento provisional e arquivo das actuacións no procedemento no que estaban a ser investigados os concelleiros do goberno vigués Ángel Rivas e Francisco Javier Pardo e os funcionarios Francisco Javier G.O. e María D.G., polos supostos delitos de prevaricación, nomeamentos ilegais e malversación de caudais públicos.

O edil Francisco Javier Pardo
O edil Francisco Javier Pardo | Fonte: Europa Press

NOMEAMENTO SEN A NECESARIA PUBLICIDADE

Nesta causa investigábase a comisión de supostos delitos en relación co nomeamento de Francisco Javier G.O. como xefe da área de Participación Cidadá (mediante acumulación de funcións, posto que xa era xefe da área de Desenvolvemento Local e Emprego), cando non se acreditou a necesidade ou urxencia de tomar esta decisión que, por outra banda, foi proposta polo propio funcionario.

No auto de arquivo, ao que tivo acceso Europa Press, o xuíz sinala que a acumulación de funcións realizouse nun proceso no que "non se observou" a "garantía de publicidade" e que esa "irregularidade formal" puido ser causa de recurso contencioso administrativo. No entanto, apuntou que ese recurso nunca se expuxo, polo que ese "eventual vicio procedimental quedou emendado 'de facto'".

Con respecto á xustificación dese nomeamento, o maxistrado sinala que a proposta de acumulación de funcións na persoa de Francisco Javier G.O. "carece dunha mínima motivación que fundamente as razóns de urxencia que a xustificasen".

IRREGULARIDADES ADMINISTRATIVAS

Con todo, puntualiza que é unha "irregularidade procedimental" que "non integra o dolo directo que esixe a norma penal" para consideralo un delito de prevaricación. A ese respecto, lembra que este funcionario xa desempeñaba esa xefatura de área desde facía oito anos, o que xustifica un coñecemento dese labor maior ao doutros traballadores municipais.

Do mesmo xeito, con respecto á actuación da xefa de persoal, María D.X., o xuíz sinala que se está ante unha "irregularidade administrativa que non integra ningún dos tipos penais", aínda que apostila que "unha administración local da envergadura da de Vigo pode facer mellor as cousas en materia de persoal".

Nesa liña, o titular do Xulgado de Instrución 4 reproba que o Concello non acuda aos mecanismos ordinarios de provisión de postos fixados por lei, senón a vías "alternativas" que requiren dunha acreditación da necesidade "provocada polo propio deixamento da Administración, e non por unha causa de forza maior ou imprevisible".

DECLARACIÓN DOS CONCELLEIROS

Á saída do xulgado, tras prestar declaración, e antes de coñecer o arquivo das actuacións, o concelleiro Ángel Rivas proclamou a súa "inocencia" e defendeu a "escrupulosa legalidade" das súas actuacións. "Quero reiterar a miña inocencia, todo o meu traballo realizouse con escrupulosa legalidade, e con escrupulosa fiscalización, como é habitual na institución municipal", sostivo.

Pola súa banda, o edil de Persoal, Francisco Javier Pardo, eludiu responder as preguntas dos medios sobre a súa declaración e limitouse a aseverar que é "moi respectuoso co resultado das urnas", sen querer concretar a que se refería.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta