O 65% dos satélites do Estado en 2020 serán galegos

O Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia e a empresa Aistech Space suman forzas para desenvolver unha rede de 25 nanosatélites de observación, comunicación e control.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 19/05/2017 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

A finais do ano 2016, a Unidade Mixta de Investigación, presentada polo Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (Cinae) e a empresa Aistech Space S.L. denominada A fábrica do futuro aplicada ao desenvolvemento dunha constelación de satélites de observación, comunicacións e control marítimo e aéreo, recibía da Axencia Galega de Innovación (GAIN), unha axuda de preto de 700.000 euros. Con anterioridade á concesión da axuda, a unidade mixta, presentada este xoves nun acto celebrado nas instalacións do Cinae, constituíase coa finalidade de coordinar a cooperación entre o centro de innovación e a empresa para o deseño, fabricación, lanzamento e operación dunha rede de 25 nanosatélites co obxectivo de obter datos de posicionamento de buques e avións, xunto con fotografías térmicas da superficie terrestre e recompilar datos de redes de sensores distribuídas polo planeta.

Presentación da unidade mixta Cinae-Aistech para o desenvolvemento e lanzamento de nanosatélites
Presentación da unidade mixta Cinae-Aistech para o desenvolvemento e lanzamento de nanosatélites | Fonte: Uvigo.

“Cinae e Aistech crearán un deseño de plataforma común para todos os satélites da constelación, que se pode fabricar con elevados estándares de calidade e de xeito eficiente, para o que se aplicarán técnicas da industria 4.0, que permitan crear una liña de ensamblaxe automatizada, ao tempo que se mellorará a fiabilidade dos procesos de deseño e de fabricación dos nanosatélites”, explicou Fernando Aguado, director técnico e investigador principal de Cinae para este proxecto de tres anos de duración.

O docente e investigador da Universidade de Vigo, foi, xunto ao reitor da institución, Salustiano Mato; o representante de Aistech Guillermo Valenzuela; a delegada do Estado na Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa e a directora de Gain, Patricia Argerey, o encargado de presentar os detalles dun proxecto, que se inxire “dentro do ámbito más difícil e de máis futuro como é o do espazo”, dixo Mato.

O custo total do proxecto ascende a 2,3 millóns de euros, dos que Aistech Space sufraga a diferenza entre esta cantidade e o financiamento outorgado polo GAIN cos fondos Feder. Con esta iniciativa, que prevé despregar a constelación de satélites antes do ano 2022, Aistech pretende proporcionar datos e información exacta e de calidade e a baixo custo, de calquera punto do planeta cun tempo de refresco medio de 10 minutos, a compañías, organizacións ou gobernos, co obxectivo de ampliar o seu coñecemento sobre áreas de interese ou mellorar a toma de decisións.

“Aquí, no Centro de Innovación Aeroespacial, instalaremos a fábrica 4.0 de integración de satélites, dos que o primeiro (precursor), que neste intre se está a integrar na sala limpa da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, estará en órbita en 2018, mentres que a misión real con lanzamento está prevista para 2019”, explicou Valenzuela, que incidiu no traballo de “democratización do espazo” que realiza Aistech desde o ano 2013.

LIDERADO NO ESPAZO

Sectores como o pesqueiro, o agrícola e o agroforestal poden ser algúns dos máis beneficiados polo despregue da constelación, que proverá servizos como o seguimento de agricultura de precisión, verteduras no mar ou control de incendios, combinando medidas ambientais cun novo concepto de imaxes. 

Mentres Aistech se centra nas tarefas de integración das cargas útiles, Cinae actúa como socio tecnolóxico de nivel de misión e de plataforma, achegando a experiencia dos seus investigadores para crear a constelación de nanosatélites.

Na presentación da unidade mixta, Aguado lembrou o traballo desenvolvido na Universidade de Vigo e en Cinae que a día de hoxe suman o 42% dos satélites desenvolvidos e lanzados en España, ao tempo que avanzou que “no período 2019-2020 se lanzarán desde Galicia catro satélites adicionais, co que Cinae terá deseñado e lanzado o 65% dos satélites fabricados en España ata esa data. É un feito tremendamente significativo”, explicou o investigador, que afirmou en ton de broma que “sumados os 200 satélites que imos facer con Aistech xa será o 98%... Podemos dicir que desde a Universidade de Vigo, desde Galicia, Cinae, somos pioneiros”.

Os cubesats de 6U que se están a deseñar neste proxecto teñen unhas dimensións de 30x10x10 centímetros e un peso duns 10 quilogramos, podendo realizar entre 14 e 15 órbitas ao día, o que implica unha cobertura total, informan Mª del Carmen Echevarría e D. Besadío, da Universidade de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta