O TSXG condena a PSA Peugeot Citroën a pagar 50.000 euros á CUT por vulneración do dereito de folga

A empresa deberá devolver 457 euros a cada un dos 18 traballadores que demandaron

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2017 | Actualizada ás 20:57 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou un recurso de suplicación interposto pola CUT e por 18 traballadores da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo, e condenou á multinacional a pagar 50.000 euros ao sindicato por vulneración do dereito de folga e liberdade sindical, así como a devolver aos empregados o diñeiro detraído nas xornadas en que exerceron ese dereito.

A sentenza refírese a a convocatoria de paros parciais nas diferentes quendas da planta automobilística por parte da CUT e a CIG, para o 5 maio de 2015 (e a madrugada do día seguinte), e que coincidiron coa visita do entón presidente do Grupo PSA, Carlos Tavares, á fábrica viguesa.

Ante a convocatoria, a empresa advertiu de que se trataba dunha folga de carácter "abusivo" e que podería declararse ilegal, aínda que non promoveu conflito colectivo para reclamar esa declaración ante os xulgados (medida que si adoptara nunha convocatoria anterior). A xornada de paros mantívose, e nela participaron uns 200 traballadores indefinidos e algúns contratados de forma temporal.

A CUT denunciou que a empresa substituíra aos empregados que participaran nos paros e que se vulneraron os seus dereitos fundamentais, pero o xulgado do Social deu a razón á empresa e rexeitou a pretensión dun grupo de folguistas de recuperar o diñeiro que a empresa lles había detraído.

Agora, o alto tribunal galego estimou o recurso de suplicación deses traballadores e do sindicato, e puntualizou que non pode considerarse a ilegalidade da folga de maio de 2015 porque a empresa non formalizou ningunha demanda solicitando esa declaración.

INVESTIMENTO DA CARGA DA PROBA

Na sentenza do TSXG, sinálase que hai "indicios de vulneración de dereito fundamental" e que corresponde á empresa "a carga de probar que a súa actuación obedece a motivos razoables, estraños a todo propósito atentatorio dun dereito fundamental".

Así mesmo, apúntase que a multinacional non acredita a que sector da cadea afectou a folga, se a participación deses 200 traballadores foi suficiente para paralizar ou diminuír a produción, ou se a substitución de empregados foi para suplir aos folguistas ou aos empregados que participaron nas actividades organizadas con motivo da visita de Tavares.

O TSXG fallou, por tanto, que PSA Peugeot Citroën debe abonar 50.000 euros ao sindicato CUT por vulneración de dereitos fundamentais, e devolver 457,07 euros a cada un dos 18 traballadores demandantes, detraídos pola súa participación nos paros.

Fontes da empresa consultadas por Europa Press confirmaron que os servizos xurídicos da multinacional están a analizar a sentenza do TSXG e que presentarán recurso de casación.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta