Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/05/2017 | Actualizada ás 14:24
A aplicación móbil da Consellería do Mar “Non peques, non piques”, destinada a ofrecer datos sobre vedas, época óptima de consumo e tallas mínimas, anima, curiosamente, a consumir o santiaguiño en plena época de veda. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na Comisión de Pesca a portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja.
A responsable socialista advirte que, segundo esta app, a “época óptima de consumo” é o mes de xullo para un crustáceo que, segundo o Plan Xeral de Explotación Marisqueira, só se pode pescar entre o 1 e o 5 de xaneiro e entre o 1 de outubro e o 30 de decembro. Toja concluíu que “o santiaguiño se atoparía en veda na época óptima para o seu consumo”.
Ademais, sinala que a nova aplicación móbil, posta en marcha na Semana Santa, “anima a non respectar o tempo de veda, infrinxindo a legalidade”. Algo semellante sucede co polbo, explicou, que a Consellería recomenda consumir durante todo o ano, esquecendo que esta especie dispón dunha veda dun mes.
“Parécenos que a aplicación pode ser útil, pero o certo é que tal cal está induce a erro, induce a consumir en época de veda, especialmente o santiaguiño”, indica. Por iso reclama “adecuar os períodos de recomendación de consumo de peixes bivalvos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos, gasterópodos e peixes, aos períodos nos que o seu consumo estea autorizado, e non en período de veda”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.