Aprazan 10 días o desafiuzamento dunha traballadora do Sergas en paro e con dous fillos

O desafiuzamento, estaba previsto para este xoves. A afectada pide a Xunta e Concello de Vigo que traballen arreo e conxuntamente para "atopar unha solución".

Por E.P. | VIGO | 01/06/2017 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

O xulgado acordou aprazar 10 días o desafiuzamento, previsto para este xoves, dunha viguesa con dous fillos, de 15 e 18 anos, quen pediu que a Xunta e o Concello de Vigo traballen arreo e conxuntamente para "atopar unha solución" antes de que se cumpra o novo prazo.

Suspendido desafiuzamento en Vigo
Suspendido desafiuzamento en Vigo | Fonte: Europa Press

Ante o portal do seu domicilio, a propia afectada, Leticia Chantada, trasladou aos medios que o xulgado lle comunicou na mañá deste xoves o adiamento. Supostamente, aplicóuselle o protocolo de protección por especial vulnerabilidade, "neste caso promovido pola Xunta respecto ao xulgado", segundo informou Os Ninguéns

Precisamente, un dos portavoces deste colectivo, Emilio García, vinculou o sucedido a que o caso transcendeu publicamente, e apuntou que "foi a Xunta a que fixo todo o posible para atrasar o lanzamento", pois pediu un informe que completase a información para tentar que se atrasase.

Neste contexto, manifestou que atopan unha "diferenza entre Concello e Xunta que se pode comparar á calor e o frío". Pois as traballadoras sociais da Xunta en Vigo acompañáronlles e, en cambio, notan "frialdade nos responsables municipais, non só neste caso senón tamén noutros".

En todo caso, ante os 10 días de suspensión do desafiuzamento, os portavoces de Os Ninguéns e a RSP reclamaron que a Xunta tramite "con carácter de urxencia" o Bono alugueiro, o que de feito cren que se resolverá en cuestión de días; e que o Concello acelere a xestión para que Leticia poida cobrar a Risga dentro dun ou dous meses.

"Se a Xunta segue a este ritmo e o Concello acelera os trámites da Risga, podería empezar a buscar vivenda", mantivo. Leticia debe aproximadamente un ano de aluguer —desde que quedou sen traballo—, é traballadora do Sergas e está nas listas de contratación, polo que pediu para que a chamen a traballar, xa que "sería o ideal" para cambiar a súa situación.

COMUNICADO DO CONCELLO

En relación ao comunicado do Concello de que a muller está a ser atendida pero non achega documentación para a tramitación de axudas, o tamén portavoz de Os Ninguéns Antón Bouzas asegurou que se "está faltando á verdade", porque "é documentación que nin existe nin pode existir porque ninguén lle fai un contrato a unha muller con ingresos cero e dous fillos ao seu cargo".

Ademais, remarcou que o problema non era a documentación porque, "de súpeto, está a empezarse a solucionar todo simplemente polo feito de que aparece publicamente".

"A concelleira debería ter un pouco de dignidade como política e non volver mentir, porque con ese comunicado humilla a esta muller e a todas as que están nesta situación, e está estigmatizando ás persoas que contra a súa vontade non teñen traballo e non poden alugar unha vivenda", subliñou.

A iso, García engadiu que "hai certa animadversión a dialogar por parte tanto de Isaura Abelairas como de Abel Caballero", polo que reclamou "que isto cambie" e "que accedan a dialogar cos traballadores dos servizos sociais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

como sigamos así algún día alguén vai perder os nervios... xa abonda de TORTURAR á xente con mentiras e medias verdades... !!! o Concello de Vigo sofre de Aporofobia e punto pelota https://flic.kr/p/ULcmVh

1 GpR

por fin unha boa noticia, aínda que podía ser millor e podían cancelar definitivamente o desafiuzamento desta muller