Ourense Envialia, campioas de Copa

O equipo ourensán vence 2-3 na prórroga o Atlético Navalcarnero e gaña o título de Copa por primeira vez na súa historia. Andrea Carid empatou a final cun penalti a 13 segundos do final e Luci fixo o 2-3 definitivo para unha vitoria épica ante o favorito e campión das tres últimas edicións.

Por gcdeportes | Poio | 11/06/2017 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

Forzou a prórroga (2-2) Andrea Carid cun penalti a trece segundos do final. E marcou Luci o gol da vitoria, con moita sorte pero tamén con moita fe, presionando á porteira rival no comezo da segunda parte da prórroga. Un triunfo épico, un soño feito realidade e unha ledicia indescritíbel. O Ourense Envialia venceu 3-2 o todopoderoso Atlético Navalcarnero e proclamouse campión da XXIII edición da Copa de España celebrada no pavillón da Seca en Poio.

O Ourense Envialia, co trofeo de campioas.
O Ourense Envialia, co trofeo de campioas. | Fonte: @futgal

Era o título que faltaba no palmarés do Ourense Envialia, herdeiro do antigo Ponte Ourense. E con traballo e humildade, as rapazas de José Carlos Martín Chipi deron a sorpresa e tumbaron na gran final o favorito e campión das tres últimas edicións, o Atleti Futsal, impedindo o triplete das madrileñas. Ourense Envialia eliminou o venres 2-1 o Burela no derbi galego de cuartos de final e tumbou o Universidad de Alicante cun gol de Bea Seijas nas semifinais. Pola súa parte, Atlético Navalcarnero eliminou a Majadahonda e Alcorcón para chegar á final.

No partido decisivo, superioridade ourensá na primeira metade, pero o Atlético Navalcarnero chegou 2-1 ao descanso grazas á súa maior efectividade. Nerea Moldes marcou o 1-0 para as madrileñas, pero apenas un minuto despois empatou a capitá Marta en xogada de estratexia tras saque de banda. Pouco antes do lecer, Ju Delgado fixo o 2-1 para o Atleti, nun primeiro tempo no que a porteira Estela foi a mellor das rivais.

No segundo tempo, máis igualdade e as madrileñas que perdoaron o 3-1 que tería sentenciada a final. Pero Ourense Envialia non baixou os brazos e buscou a igualada ata o último segundo con xogo de cinco. Cando todo semellaba perdido, e xa con catro xogadoras en pista trala expulsión de Sara Moreno, penalti por agarrón e gol de Andrea Carid a trece segundos do final. No tempo extra, primeiros tres minutos intensos de tres contra tres. No arrinque da segunda parte da prórroga, decidiu o gol de Luci, que malia o cansazo acudiu a presionar con fe o pase da porteira rival Estela. As ourensás defenderon ben os ataques finais con xogo de cinco do Atlético Navalcarnero e puideron celebrar o título de Copa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eusi

Parabéns mozas!