Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/06/2017 | Actualizada ás 15:57
O radon residencial parece xogar un papel importante na aparición do cancro de pulmón de célula pequena, existindo casos diagnosticados con concentracións de radon moi elevadas. Esta é a principal conclusión dun estudo feito en once hospitais de catro comunidades autónomas, incluída Galicia, a zona máis afectada no Estado polo gas radon.
O cancro de pulmón de célula pequena é o tipo histolóxico máis agresivo das neoplasias broncopulmonares. Representa arredor do 10-15% de todos os casos. Porén, moi poucos estudos analizaron a influencia do radon residencial nesta enfermidade. Co obxectivo de coñecer os factores de risco do cancro de pulmón de célula pequena, investigadores de Galicia, Castela e León, Asturias e Madrid deseñaron un estudo de casos e controis multicéntrico e de base hospitalaria.
Os cientídicos analizaron os primeiros 113 casos recrutados e deles, 63 con resultados de radon residencial. A idade mediana ao diagnóstico foi de 63 anos e un 11% dos casos foron menores de 50 anos. Ademais, do total, 22% dos casos foron mulleres. O 57% tiñan enfermidade en estadio catro e o 95% eran fumadores ou ex-fumadores. A concentración mediana de radon residencial foi de 128 Bq/m3. Un 8% dos casos mostraron concentracións superiores a 400 Bq/m3.
Por sexo, a única diferenza relevante foi na porcentaxe de mulleres nunca fumadoras, máis elevado que para os homes (p < 0,001). A concentración de radon foi superior para os suxeitos con enfermidade en estadio catro (diferenzas non significativas) e foi máis elevada nos pacientes diagnosticados con 63 anos ou máis (p = 0,032).
Nas conclusións, os investigadores salientan que "existe un diagnóstico a unha idade temperá en boa parte dos casos con cancro de pulmón de célula pequena e predomina a enfermidade metastásica ao diagnóstico". Ademais, "o radon residencial parece xogar un papel importante na aparición do cancro de pulmón de célula pequena, existindo casos diagnosticados con concentracións de radon moi elevadas", salientan.
O estudo é asinado por investigadores do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela, do CIBER de Epidemioloxía e Saúde Pública (CIBERESP), do Servizo de Neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, do Servizo de Neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, da Sección de Neumoloxía do Complexo Asistencial de Ávila, do Servizo de Neumoloxía do Complexo Hospitalario de León, do Servizo de Oncoloxía do Hospital Puerta de Hierro de Madrid, do Servizo de Neumoloxía do Hospital Lucus Augusti de Lugo, do Servizo de Neumoloxía do Hospital de Ourense, do Servizo de Anatomía Patolóxica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, do Servizo de Oncoloxía do Centro Oncolóxico de Galicia e do Servizo de Neumoloxía do Hospital Central de Asturias.
Os resultados publícanse agora na revista Archivos de Bronconeumología nun artigo titulado 'Cáncer de pulmón microcítico. Metodología y resultados preliminares del estudio SMALL CELL', que é parte da tese doutoral Ángeles Rodríguez Martínez, residente no Laboratorio de Radon de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.