Selección galega para Soria

Once ciclistas representan a Galicia nos Campionatos de España, nos que Martín Bouzas, con 19 anos, buscará o seu terceiro ouro consecutivo na modalidade contra o reloxo.

Por gcdeportes | Compostela | 22/06/2017 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

Este venres comezan os Campionatos de España de ciclismo en estrada que neste 2017 teñen como escenario Soria. No primeiro día de competición, o galego Martín Bouzas defenderá o título de campión estatal sub23 de contrarreloxo acadado o pasado ano. O corredor de Rois é un dos once ciclistas que o combinado autonómico despraza ata esta cita.

Sobre unha distancia de 18,9 quilómetros, Martín Bouzas, de tan só 19 anos, buscará prolongar a súa espectacular xeira. No 2015 proclamouse campión de España júnior de contrarreloxo e no 2016 repetiu éxito na súa estrea na categoría sub23. A proba arrancará ás 10:00 horas e o especialista do Supermercados Froiz terá como compañeiro de selección nesta modalidade a Diego González (Club Ciclista Rías Baixas).

A continuación, ás 12:00 horas, chegará a quenda para a crono feminina. O percorrido será o mesmo e a Selección de Galicia estará representada pola sub23 Paula Sanmartín (Bioracer Elmet) e a elite Sandra Moral (Cidade de Lugo – Esturión). Pola tarde celebrarase a competición para profesionais e elites masculinos.

O sábado, en liña

As carreiras en liña disputaranse o sábado. Esta xornada abrirana ás 9:30 horas os sub23 masculinos con oito corredores do combinado galego en liza: Martín Bouzas, Alejandro Regueiro e Antonio Portela (Froiz), Diego González e Raúl González (Club Ciclista Rías Baixas), Cristian Mota (Aldro Team), José Carlos Amil (AMPO) e Miguel Montero (Cambre-Caeiro).

Serán 145,8 quilómetros con saída en Garray e meta en Soria, pero cun trazado diferente ao que pola tarde (17:00 horas) afrontarán as mulleres. Cos mesmos puntos de inicio e final, as elite e sub23 terán que completar 105,2 kms. Sandra Moral e Paula Sanmartín repetirán nesta proba e a elas sumarase por parte galega a vixente campioa autonómica elite María José Gómez (Cambre–Caeiro). O domingo estes campionatos despídense coa carreira de fondo en estrada para profesionais e elites masculinos.

Martín Bouzas acadou o ano pasado o título de campión de España sub-23 en Alacante.
Martín Bouzas acadou o ano pasado o título de campión de España sub-23 en Alacante. | Fonte: @F_Gal_Ciclismo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta