Por Galicia Confidencial | Santiago | 05/07/2010 | Actualizada ás 10:27
A audiencia da TVG caeu case cinco puntos nun ano. Hoxe a canle pública é vista por un 30% menos de persoas que en maio de 2009, cando o anterior director, Suso Iglesias, deixou o cargo. Entón, a TVG tiña o 14,8% de audiencia, fronte ao 10,4% de xuño deste ano.
A caída foi paulatina desde a entrada da nova dirección. Así, se en febreiro de 2009 a televisión contaba cun índice de audiencia dun 15,6%, no mesmo mes deste ano, ese índice caera xa 1,7 puntos ata situarse no 13,9%.
Na mesma situación se atopa a Radio Galega que, segundo datos do EGM, perdeu preto de 25.000 oíntes nun ano.
O PSdeG, crítico
Unha situación que non se lle escapa á oposición. O voceiro socialista na comisión de control da CRTVG no Parlamento, Ricardo Varela aproveitou esta situación para atacara ao executivo de Núñez Feijóo e apuntou que a baixada da audiencia débese á “manipulación e censuras” do novo goberno.
Tamén critican os datos da canle pública membros da anterior dirección que lembran que antes de deixar a TVG tiveron audiencias superiores ao 16% en marzo e abril de 2009, fronte as baixadas protagonizadas pola nova dirección xusto nos meses posteriores a tomar posesión; 11,8% en agosto e 12% en setembro.
Con todo, desde a nova dirección da CRTVG aseguran que a baixada de audiencia da CRTVG débese a varios factores, entre eles, os recortes presupostarios do novo goberno galego, “derivados dos buracos que o bipartito deixou nas canles públicas” e a chegada da TDT. “Agora hai moita máis oferta e as canles tradicionais resentironse moito”, apuntan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.