Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 01/05/2025 | Actualizada ás 21:50
A investigación levada a cabo polo Xulgado de Instrución número 1 de Santiago de Compostela revelou indicios sólidos de "criminalidade" e dunha presunta operación de "insolvencia punible" vinculada aos antigos dirixentes do histórico xornal El Correo Gallego e un entramado de sociedades anónimas que pivotaban ao seu redor. Segundo os informes policiais e xudiciais aos que tivo acceso Galicia Confidencial, os principais responsables terían articulado un complexo sistema de movementos financieiros entre empresas e contas persoais para eludir o pago de débedas, especialmente fronte a organismos públicos como a Seguridade Social e Facenda. Isto confirma a información publicada hai uns meses por este mesmo medio na que se debullaban grandes movementos entre un total de 84 contas bancarias que funcionaban como unha soa, indo e vindo entre elas cartos procedentes de préstamos e outros ingresos co obxectivo de evitar saldar a débeda de nóminas acumulada co plantel de traballadores e as facturas asociadas a provedores de servizos, entre outros pagos.
O auto xudicial con data 24 de abril de 2025, detalla a existencia dunha xestión financieira en "unidade de caixa", que disolvía as fronteiras entre varias sociedades e persoas físicas, co obxectivo de dificultar os embargos e frustrar as execucións de débeda. As operacións contemplan dende movementos millonarios ata préstamos sospeitosos, pignoracións de dereitos de cobro e maniobras societarias que agora están baixo o foco da xustiza. O nome técnico do delito que se lles imputa aos investigados, con José Manuel Rey Novoa --exdirector de El Correo Gallego-- e Ángel María Juan Bautista Remesar Zabaleta --ex xerente--, é o de 'frustración da execución'. Como medida cautelar para asegurar o cumprimento de eventuais condenas, o xulgado impúxolles unha fianza superior a 1 millón de euros. A maxistrada ve acreditada a existencia de indicios sólidos que fan pensar que os encausados poderían repetir a conduta de desvío de fondos para eludir responsabilidades deudoras chegado este momento do procedemento penal, de maneira que se desfagan do patrimonio que aínda conservan para evitar asumir futuras responsabilidades económicas.
ANTECEDENTES E CONTEXTO
Os investigados en cuestión neste procedemento penal son José Manuel Rey Novoa --exdirector de El Correo Gallego--, Ángel María Juan Bautista Remesar Zabaleta --ex xerente--, Fátima Otero Bouzón --cónxuxe de Rey Novoa--, María Carmen Ruiz de Arcaute Auzmendi --cónxuxe de Remesar Zabaleta--, Beatriz Eugenia Rey Blanco --aínda por prestar declaración--, Editorial Compostela S.A., Código Televisión S.L., Anova Multiconsulting S.A., Think First S.L., e a Agrupación Deportiva El Correo Gallego. A investigación parte de denuncias de particulares, extraballadores do xornal e do propio Ministerio Fiscal. A instrutora, tras o estudo da documentación achegada pola UDEF (Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal) da Policía Nacional, debullado en anteriores informacións por Galicia Confidencial, considera que existen "indicios de criminalidade de bastante solidez" contra os investigados --a excepción de Beatriz Eugenia Rey Blanco, cuxos elementos incriminatorios existentes contra ela non se valorarán ata que preste declaración como investigada--, como "presuntos autores dun delito de frustración da execución".
Cómpre recordar que o informe da UDEF falaba nas súas conclusións de "multitude de indicios" concordantes coa afirmación de que todas estas sociedades investigadas funcionaban como un "grupo empresarial con unidade de caixa". É dicir, aínda que eran entidades xurídicas separadas sobre o papel, actuaban na realidade como unha soa para esparexer os ingresos e eludir así responsabilidades, principalmente deudoras, tanto con organismos públicos como con traballadores. "Os ingresos e os gastos relativos á actividade de El Correo Gallego repártense entre as diferentes contas das cinco empresas que conforman o grupo", segundo se sinala tamén neste auto, e "ditos movementos tamén se producen en contas persoais nas que participan os investigados", polo que a separación formal destas sociedades interprétase como "unha distinción artificiosa".
PRINCIPAIS ACHADOS DA INVESTIGACIÓN
OBXECTIVO PRIORITARIO: EVITAR QUE AS CONTAS TEÑAN MOITOS FONDOS
O estudo detallado das contas do grupo El Correo Gallego, tal e como se evidencia no auto do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago de Compostela, evidencia que "os abonos recibidos de clientes e de préstamos non realizados por entidades financieiras dirixidos á actividade de Editorial Compostela recíbense en contas de todas as empresas". Tamén se indica que, "a partir de aí, obsérvase como se producen moitas transferencias e traspasos entre contas, de xeito que os cartos ingresados de fontes externas ao grupo circulan por contas do mesmo". A instrutora conclúe entón que "as diferentes empresas do grupo son empregadas nunha xestión de unidade de caixa", posto que "os ingresos da actividade recóllense en varias delas e son transferidos fundamentalmente a contas da empresa matriz, pero tamén a outras". Así as cousas, resalta que "o feito de que eses ingresos circulen por varias contas do grupo permite sospeitar que se intenta evitar que os saldos das contas teñan moitos fondos e así evitar as obrigas deudoras das sociedades". Ademais, ao longo da investigación comprobouse que os ingresos que percibía o grupo non só proviñan dos seus clientes, senón que tamén se obtiveran préstamos privados.
Por citar algún dos casos que chamou máis poderosamente a atención dos investigadores, recollido tamén no auto: "Visualiza Business S.L. concede á entidade Código Televisión S.L. unha liña de crédito por importe de 494.000 euros durante un prazo de 7 meses para facer fronte a todos os gastos nos que incorría a empresa no desenvolvemento do contrato formalizado coa CRTVG, de data 17 de novembro de 2020, para a execución e produción da obra audiovisual 'SoanCampás'. A tal efecto, Visualiza Business procederá ao pago directo de cantas obrigas se deriven do desenvolvemento desta obra, incluídas as fiscais e de seguridade social. En garantía de devolución das cantidades dispostas, Código TV pignora a favor de Visualiza Business o dereito de cobro que ten ao seu favor procedente da CRTVG en virtude do contrato. E solicita a un notario que comunique á entidade deudora, a CRTVG, a pignoración, para que os pagos que corresponda realizar a Código TV, derivados do contrato, sexan ingresados na conta titularidade de Visualiza Business. De acordo co contrato firmado coa CRTVG, o importe total pagado da televisión pública corresponde a 494.000 euros, que son pagados a Visualiza Business". Algo semellante ocorrerá con outras obras audiovisuais gravadas para a CRTVG.
CONTAS INTERPOSTAS NO FLUXO DE CARTOS DA ACTIVIDADE DE EL CORREO
En relación á unidade de caixa, no estudo das contas bancarias das sociedades que pivotan arredor de Editorial Compostela, o auto tamén lembra que os investigadores da UDEF acharon múltiples indicios que acreditan que estas son interpostas no fluxo de cartos propio da actividade de El Correo Gallego. Entre o emprego que se facía desas sociedades, a instrutora detense na participación da Asociación Agrupación Deportiva El Correo Gallego que "actúa como unha asociación interposta nas súas relacións mercantís con terceiros dentro do grupo de empresas, sen sustento real, máis que para a organización da Carreira Pedestre --carreira que se celebra anualmente en Santiago de Compostela-- e, polo tanto, sen responsabilidades laborais--".
No informe sinalouse que, dos 13,95 millóns de euros que esta sociedade recibe de abonos, máis de 11 millóns proceden de transferencias de outras empresas do grupo; e máis de 1,85 millóns de euros de operacións de préstamo e financiación a Editorial Compostela e Think First. E estes ingresos son empregados para enviar transferencias e traspasos a outras contas do grupo: máis de 12 millóns a Editorial Compostela; máis de 52.000 euros a Anova Multiconsulting ou máis de 430.000 a Código Televisión. Así mesmo, esta agrupación deportiva tamén fai transferencias e traspasos por valor de máis de 400.000 euros a outras empresas do grupo; e expide talóns, cheques ou pagarés por valor de case 30.000 euros. Un exemplo é a transferencia de case 7.200 euros que fai á compañía de seguros Reale, para pagar unha pólica cuxo tomador é Think First.
PAGO A TRABALLADORES: NIN SE PAGA TODOS OS MESES, NIN SE PAGA O MESMO
No tocante aos gastos de persoal achados na investigación das contas do grupo, observáronse pagos tanto de nóminas como de seguros sociais a través de diversas contas baixo a titularidade de Editorial Compostela, pero tamén de Código Televisión e Anova Multiconsulting, así como de José Manuel Rey Novoa, de Beatriz Eugenia Rey Blanco e de Ángel María Remesar Zabaleta. No auto do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago de Compostela, baseado no informe elaborado pola UDEF, resáltase a "enorme variabilidade neses pagos, tanto en cantidades como na súa periodicidade, de xeito que nin se paga o mesmo mes a mes, nin tan sequera se paga todos os meses". É por estas observacións que conclúen que: "Hai indicios de que a denuncia presentada e que deu comezo ás presentes, na que 'alega o denunciante que o xornal El Correo Gallego séguese publicando cada día cos seus correspondentes anuncios publicitarios, aducindo que os representantes legais de Editorial Compostela agochan estes ingresos para evitar asumir as súas obrigas co denunciante e o resto dos traballadores da empresa' parece ser certa".
MEDIDAS CAUTELARES ANTE O RISCO DE EVASIÓN DE PATRIMONIO
Ante a magnitude do entramado, o xulgado ditou a adopción de medidas precautorias sobre os investigados para asegurar as posibles responsabilidades pecuniarias, en base ao artigo 764 da Lei de Axuizamento Criminal. "Requírese aos investigados --a excepción de Beatriz Eugenia Rey Blanco, pola necesidade de avaliar a súa declaración cando esta se produza-- que no prazo de 10 días constitúan unha fianza por importe de 1.023.049,85 euros e, en caso de non constituíla en prazo, procédase ao embargo de bens suficientes ata alcanzar o importe de citada cantidade", dita o auto con data 24 de abril de 2025. Esta cifra sae das demandas de responsabilidade civil por parte de tres procuradores que representan aos traballadores que realizaron as súas demandas: un deles pide 873.865,31 euros; outro 105.830,24 euros; e outra 43.354,30 euros. Os seus cálculos foron efectuados, segundo se detalla na solicitude, conforme ás cantidades debidas aos traballadores representados.
"A necesidade de adoptar medidas de aseguramento neste intre procesual, antes mesmo de tomar declaración aos investigados, ven motivada polo risco de que co transcurso do tempo os encartados fagan desaparecer totalmente o seu patrimonio", sinala a maxistrada. "O risco de distracción do patrimonio que os investigados aínda poidan conservar é inherente á natureza e ben xurídico protexidos polo delito que nos ocupa: a frustración da execución", recóllese no auto. Así, lembra a instrutora que "estamos ante investigados que aparentemente despregaron unha estratexia dirixida a eludir responsabilidades ante os seus acredores", polo que "nada fai pensar vaian cesar na súa actuación de elusión de responsabilidades por mor deste procedemento penal, senón o contrario, todo indica que chegados a este intre procesual, e ante a inminencia de que a causa poda continuar a súa tramitación ata o acto de xuízo, poden levar a cabo actos dirixidos a distraer bens ou diñeiro cuxa titularidade aínda conserven".
INDICIOS CONSISTENTES DE INSOLVENCIA PUNIBLE
O procedemento continúa en fase de instrución, con base en indicios consistentes de insolvencia punible. O xulgado entende que o entramado non se limita a unha simple xestión empresarial desorganizada, senón que respostaría a unha estratexia estruturada para evitar o cumprimento de obrigas económicas, en perxuízo de traballadores, organismos públicos e outros acredores. "Rey Novoa e Remesar Zabaleta podían con esta operativa decidir libremente que pagamentos afrontaban", sinálase no auto ao que tivo acceso Galicia Confidencial, no que tamén se detalla que "con esta forma de actuar asegurábanse que o xornal El Correo Gallego puidese seguir publicándose e a empresa Editorial Compostela funcionando, pois facían fronte aos acredores que podían supoñerlles un obstáculo insuperable para optar a contratos coas Administracións públicas --seguros sociais e Axencia tributaria--, así como aos provedores que lles fornecían do material e servizos imprescindibles para o funcionamento do día a día, e tamén aos prestamistas privados dos que de forma sorprendente recibiron grandes cantidades de diñeiro".
Así mesmo, o auto tamén apunta a que "o importe do diñeiro destinado a abonar as nóminas dos traballadores era decidido en cada momento por Rey Novoa e Remesar Zabaleta, efectuándose os pagamentos de xeito irregular, motivo polo cal se foi acumulando unha débeda con aqueles de contía moi elevada". Por mor desta estratexia, "a pesar de que os traballadores foron formalizando as súas demandas perante a xurisdición social e obtendo sentenzas favorables, os intentos de facer efectivas as condenas pecuniarias foron infrutuosas por canto os saldos das contas de Editorial Compostela se mantiñan en niveis insuficientes para facer fronte a tan elevadas cantidades, véndose así mesmo obrigado o FOGASA a facer fronte ás cantidades previstas legalmente para o caso de insolvencia das empresas". Esta forma de funcionamento "permitiu a Rey Novoa e Remesar Zabaleta seguir cobrando con bastante regularidade os elevados salarios que tiñan asignados en Editorial Compostela, o que resultaría imposible se os ingresos de Editorial Compostela se depositasen nas contas desta empresa e se destinasen a créditos preferentes", conclúe o auto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.