Temas: EDUCACIóN

As Anpas trasladan á Valedora as súas demandas escolares para nados en partos múltiples

Denuncian que estes cativos "están sendo tratados dun xeito uniforme sen ter en conta a súa individualidade pola meirande parte dos centros públicos galegos, e sen escoitar as súas familias"

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/06/2017 | Actualizada ás 12:24

Comparte esta noticia

As Anpas galegas trasladaron á Valedora do Pobo unha queixa formañ sobre o tratamento que os centros escolares galegos fan sobre a escolarización dos nenos nados en partos múltiples, xemelgos ou falsos xemelgos, que "están sendo tratados dun xeito uniforme sen ter en conta a súa individualidade pola meirande parte dos centros públicos galegos, e sen escoitar as súas familias, que son as primeiras responsables, e as máximas interesadas, en que teñan unha educación da máis alta calidade", explican os pais e nais.

Instalacións da escola en galego Avoaescola, en Ferrolterra
Instalacións da escola en galego Avoaescola, en Ferrolterra

Na xuntanza coa Valedora, a Confederación de Anpas galegas estivo representada polo seu vicepresidente, Fernando Lacaci, así como pola secretaria, Bertila Fernández, que foron acompañando a Lidia Feal, unha nai de xemelgas que ofrece o seu caso, e o nome da súa familia, para personificar un problema que hoxe en día afecta a unha crecente porcentaxe de parellas galegas: o feito de ter que defender que as súas fillas teñen dereitos individuais idénticos aos de calquera outro neno, e que non poden ser discriminadas, tal e como ela di, dun xeito perfectamente descritivo, “por razón de irmandade”.

"Presentámoslle á Valedora do Pobo un amplo traballo que fixemos sobre a escolarización de múltiples, e recibimos da súa parte  unha resposta esperanzadora: esa oficina realizará todas as xestións que estean na súa man para tentar resolver o problema, e concorda con nós na nosa demanda fundamental: antes de tomar unha decisión sobre calquera parella de irmáns nados xuntos hai que considerar o que é positivo para esa parella en concreto, e hai que escoitar ás súas familias, que son quen coñecen, quen entenden, e quen máis defenden as súas fillas e fillos", explican as Anpas.

Agora, esperan que Consellaría de Educación, que "ata o de agora permanece detrás dunha das súas escusas máis socorridas, a autonomía dos centros escolares para permitir que nenos e nenas galegos con circunstancias idénticas estean sendo tratados dun xeito diferente ao longo da nosa xeografía", comece a deseñar actuacións concretas que impidan  a discriminación e a arbitrariedade no ámbito do noso Ensino Público Galego e elabore criterios interpretativos que permitan ás direccións dos centros actuar nestes casos dun xeito que defenda o ben do alumnado.

Temas: EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta