Por Galicia Confidencial | Lugo | 28/06/2017 | Actualizada ás 13:43
A Xunta está enchendo de millóns os concellos que o Partido Popular goberna en Lugo. Nos últimos sete meses, o Goberno galego, que preside o popular Alberto Núñez Feijóo, repartiu un total de 13,1 millóns en 19 concellos da provincia, todos eles do Partido Popular.
Así, e desde que Feijóo volveu a tomar posesión na súa terceira lexislatura consecutiva, a Xunta asinou 32 convenios con 21 concellos desta provincia por un valor de 16,1 millóns de euros. Desta cantidade, o 80% dos fondos (13,1 millóns) foron para mellorar as infraestruturas públicas só en 19 municipios, nos que goberna o Partido Popular.
Son os Concellos de Abadín, Muras, As Nogais, Begonte, Bóveda, Castro de Rei, Cervo, Cospeito, Foz, Friol, Guntín, Mondoñedo, O Vicedo, Palas de Rei, Paradela, Portomarín, Riotorto, Sober e Outeiro de Rei. Só hai dous municipios de distinta cor política, que son da Pastoriza e Viveiro.
Unhas inversións que “escandalizan” a PSdeG e BNG na provincia. “Cos 13 millóns de euros que repartiron a dedo entre uns poucos Concellos gobernados polo PP, máis os 4 millóns que destinan ao Plan de Mellora de Camiños Municipais, deseñaban un perfecto Plan Único para toda a provincia de Lugo. Pero non, para os máis de 300.000 lucenses migaxas. Este é o Plan Único do Partido Popular e a igualdade que practica, e non predica”, denunciou este martes o voceiro do Goberno da Deputación de Lugo, o socialista Álvaro Santos Ramos.
E o certo é que no pleno o Partido Popular votou en contra da suba en 6,6 millóns de euros dos fondos para o Plan de Mellora de Camiños Municipais da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, que é a única que achega a todos os municipios para a mellora das súas infraestruturas públicas.
Tamén o voceiro provincial do BNG, Xosé Ferreiro, dixo ao Partido Popular que “presumen do Plan Único da Deputación pola provincia pero resulta que onde teñen capacidade para decidir non o fan, senón que fan todo o contrario. Co seu dedo repartidor castigan aos cidadáns que non os votaron e benefician con diñeiro público, de todos os cidadáns, aos amigos do PP”.
Pola súa banda, o deputado do PP e tamén alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, xustificou o voto dos populares, asegurando que “a Xunta aumenta a súa achega ao Plan de Camiños en máis dun 100% con respecto ao ano pasado”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.