A construtora do presidente dos emprendedores galegos está na lista de grandes morosos

Alfonso Salazar, un dos empresarios máis críticos coas mareas, carga contra Facenda e, en declaracións a GC, defende a súa labor. A empresa que dirixiu, Procorsa, debe máis de 3 millóns á Administración e está en fase de liquidación.

Por Manuel Vilas | A Coruña | 29/06/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Axencia Tributaria acaba de actualizar a lista pública dos maiores morosos. Procorsa SL é unha das empresas galegas incluídas, con débedas e sancións pendentes por valor de 3.052.533,06 euros.

Salazar saúda ao alcalde Xulio Ferreiro
Salazar saúda ao alcalde Xulio Ferreiro | Fonte: ascega

Segundo o Rexistro Mercantil, Alfonso Salazar Martínez foi o administrador único desta construtora da Coruña até a súa caída en concurso de acredores. 

Salazar Martínez é unha figura pública, en calidade de presidente da Asociación de Emprendedores de Galicia (ASCEGA), un dos colectivos de novos empresarios máis activos no país. 

Nos últimos anos son frecuentes as súas intervencións como líder de ASCEGA criticando ao goberno da Marea Atlántica. Salazar acusa ao Goberno de Xulio Ferreiro de ter paralizada a urbe en aspectos como a concesión de licencias. 

GC contactou coa ASCEGA para que o empresario puidese explicar o seu punto de vista. Salazar Martínez di que "non me arrepinto de nada" antes de admitir que  “estamos na lista de Montoro como moitas empresas e moitos socios de ASCEGA incluso” debido a un problema con Facenda. 

Alfonso Salazar
Alfonso Salazar | Fonte: incoruna.es

De acordo a súa versión, o fisco reclamoulle un IVE por unha operación sobre a que el di que xa pagara o imposto de transmisión patrimonial. Relata que posteriormente a Administración respondeu que pasara o prazo de alegacións, polo que se xerou unha débeda que, por mor dos recargos e dos intereses, “foi crecendo de xeito desbocado durante os 10 anos que estivemos en concurso”.

O empresario móstrase moi molesto, non coa publicación da lista, senón polo que considera trato discriminatorio. “Doeume, non porque o publiquen, porque non me avergonzo dos meus 25 anos de traballo, o que me parece unha vergoña é que non se publiquen os nomes dos que se acolleron á amnistía fiscal, a xente que o levaba cru fóra, alegando o seu dereito á intimidade”.

Alfonso Salazar móstrase orgullo da súa labor e salienta que durante 20 anos de traxectoria non tivo ningún problema coa construtora, até o conflito con Facanda. Tamén argumenta que no concurso quedou claro que non se alzaron bens, que todo quedou en Procorsa para responder ante os accredores e que os administradores non tiveron ningunha responsabilidade contable ou penal na quebra. 

Procorsa está en fase de liquidación. Salazar asegura que conseguira que acredores que sumaban máis do 70% das débedas aceptaran un convenio para ir pagando algo; pero que Facenda botouno abaixo ao non aceptalo, forzando a liquidación da compañía. 

En setembro de 209, o xulgado do mercantil número 2 declaraba que a entrada en concurso de acredores de Procorsa, a antiga suspensión de pagos. O convenio polo que os acredores poden cobrar parte destas débedas aprobouse en 2012. A altura de abril de 2015 Procorsa non lograra saír de concurso de acredores, nesa data a Xustiza admitiu a trámite unha solicitude da construtora para modificar o convenio. O convenio non se modificou ao final, por culpa de Facenda segundo o empresario; e Procorsa vai camiño de ir ao tacho definitivamente. 

Cómpre lembrar que, de entrada, Facenda ten prioridade sobre calquera outro acredor. 

Segundo informara Manolo Rodríguez en La Opinión no seu día, Procorsa “deixa sen pagar a numerosas empresas da provincia”, deixando sen rematar cinco edificios, tres en Miño e dous en Paiosaco, con 85 pisos previstos. 

Segundo La Voz, en 2011 operarios dunha subcontrata manifestáronse diante da sede de Procorsa para reclamar os seus salarios. 

La Opinión tamén informou que o Concello de Miño tivo que admitir en 2011 que Procorsa instalou un gran cartel promocional sen permiso. En 2013 o municipio tivo que executar un aval da construtora para poder retirar o cartel e urbanizar. Na rede hai foros de empresas e persoas supostamente impagados daquela por Procorsa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Antinostrus

Entre estes Marulotixoleiros e os Cipaiosmonneuronais (verbi gratia PorcusNostrus) acaban-nos co País (galego) nun plise-plase...........

4 Ronda de prensa

Para cando unha inspección laboral nesa " asociación", o único empregado so cobra a SS. O demáis é para Salazar

3 Autonomo

Este presonaxe ten máis de oito sociedades coas que opera, so hai que consultar o rexistro mercantil.

2 Afiador

Xa tiña ganas de saber quen era esta persoaxe, que saia no Telexornal botando m e r d a do concello de Coruña e a xestion que facia a Marea. Vaites con él!!

1 anonimo

Emprendedor do ladrillo, non é un pouco un oxímoron? O que parece é un empresaurio constructor de toda a vida coas mesmas prácticas de impagos e abandono de obras de toda a vida.