Estudantes, nais, pais e mestres arrodean a Xunta contra o peche de centros educativos

Máis de 120 camións de transporte de carbón acudiron desde As Pontes a apoiar a protesta, colapsando o acceso norte a Compostela. Dirixentes sindicais e políticos piden a dimisión do conselleiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2017 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

Centos de pais, alumnos, mestres e veciños das localidades das Pontes, Outes, Ribadavia, O Porriño e outras manifestáronse en Santiago de Compostela este xoves arrodeando as instalacións da Xunta de Galicia en rexeitamento á reordenación do mapa de centros exposta polo departamento de Román Rodríguez nas xornadas previas ao final do curso académico.

Protesta en Santiago contra o peche de centros
Protesta en Santiago contra o peche de centros | Fonte: Europa Press

Unha ampla representación da comunidade educativa do Emilio Navasqüés de Outes (un dos centros que pecha), do CPI Tomás de Lemos, de Ribadavia e do CPI Ribeira do Porriño concentrouse esta mañá durante máis dunha hora ante as instalacións da Consellería de Educación en San Caetano, acompañados da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e de diversos representantes políticos.

Pasado este tempo, uníronse centos de persoas procedentes das Pontes e do CPI Monte Caxado co rexedor local, Valentín González Formoso, á cabeza, que acudiron en varios autobuses tras liderar unha comitiva de máis de 120 camións de transporte de carbón, que viaxaron ata Santiago en solidariedade coas familias e saturaron os accesos da zona norte da cidade.

Esta representación dos veciños saíu en manifestación pasadas as 12.00 horas para arrodear as instalacións do Goberno galego na zona de San Caetano. Alí puidéronse ver a decenas de persoas marchando con camisetas nas que se lía 'Non ao peche do Monte Caxado', nun ambiente festivo no que escoitaron consignas contra o peche de centros en Outes e nas Pontes.

A marcha foi arrodeando as instalacións da Xunta cunha sonora pitada e golpes de tambor, portando numerosas pancartas en defensa destes municipios ademais de contra "o desmantelamento de ESO" en Ribadavia e O Porriño e "a unificación de centros" de primaria e infantil.

Masiva manifestación en Compostela contra o peche de colexios no rural
Masiva manifestación en Compostela contra o peche de colexios no rural | Fonte: ‏ @eva_solla

"NIN UN PASO ATRÁS"

A mobilización estivo apoiada por distintos sindicalistas como Suso Vermello, da CIG-Ensino; e portavoces dos grupos de PSdeG, En Marea e BNG, entre outros. Estas dúas últimas formacións esixiron a dimisión de Román Rodríguez.

Suso Vermello ironizou con que o conselleiro se manteña "no seu búnker", "illado das familias", no canto de recibir "a todas as partes afectadas", e enviando "aos homes de negro" a pechar centros.

Vermello lamentou que se entenda a educación "como gasto" e non como beneficio, e que "reduzan postos na pública mentres se incrementan na concertada". "Non imos dar nin un paso atrás, nin un paso a un lado, seguiremos coa comunidade educativa reivindicando un ensino público de calidade".

Fernando Lacaci, da Confederación Anpas Galegas, ironizou con que a reordenación do ensino público debe "empezar pola administración", e esixiu manter "vivos" os proxectos educativos que representan estes centros afectados, ademais de permitir que "teñan a palabra para decidir que tipo de ensino queren".

PIDEN A DIMISIÓN DE RODRÍGUEZ

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, arremeteu contra a "inmoralidade" do plan da Consellería, que vén "contando milongas" e "manipulando" co peche de centros, que chaman "reordenación".

"É unha puñalada por detrás ao ensino público", advertiu, criticando a actuación "a mala fe" por parte de Educación e esixindo a dimisión do seu responsable, que "non pode facer oídos xordos" ás demandas dos veciños afectados.

Nesta liña, Luís Villares, de En Marea, considerou que se lembrará esta lexislatura como a do "desmantelamento do rural", advertindo á Xunta de que "non se vai a permitir" que sigan tombado os servizos públicos, sobre todo cando se fai "de costas á comunidade educativa"

"Non están sós, téñennos a todos detrás", insistiu, considerando que Rodríguez "debe dimitir" tras "non dar conta" destes cambios na súa última comparecencia no pleno, que se produciu poucos días antes ao anuncio da reordenación de centros.

Desde o PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga advertiu de que Rodríguez ten que acudir á Cámara "a explicarse", ou pola contra "non merece seguir sendo conselleiro" e pedirán "a súa dimisión".

"É inaceptable a forma de proceder da Consellería, furtándolle ao Parlamento un debate necesario", sinalou, criticando que se actúe "con aleivosía e premeditación" aplicando "recortes na oferta de centros" que non está "xustificada".

Unha marea de paraugas arrodea a Xunta contra o peche de colexios no rural
Unha marea de paraugas arrodea a Xunta contra o peche de colexios no rural | Fonte: @eva_solla
Manifestación en Santiago de Compostela contra o peche de centros educativos do rural
Manifestación en Santiago de Compostela contra o peche de centros educativos do rural | Fonte: @anaponton
Estudantes, pais, nais e mestres protestaron en Compostela ante a Xunta contra o peche de centros educativos
Estudantes, pais, nais e mestres protestaron en Compostela ante a Xunta contra o peche de centros educativos | Fonte: @EsquerdaUnida
Manifestación en Compostela contra o peche de centros educativos do rural
Manifestación en Compostela contra o peche de centros educativos do rural | Fonte: @GxDRadioGalega
Centos de persoas protestan en Santiago contra o peche de centros educativos
Centos de persoas protestan en Santiago contra o peche de centros educativos | Fonte: En Marea
Protesta en Santiago de Compostela contra o peche de centros educativos
Protesta en Santiago de Compostela contra o peche de centros educativos | Fonte: En Marea
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta