Por X.M. Fernández | Monforte de Lemos | 06/07/2017 | Actualizada ás 19:45
A pretensión do festival é xuntar na capital da Ribeira Sacra ao maior número de adegas que proveñen das 5 subzonas de produción de viño durante 3 días e dar a coñecer os encantos desta terra aos visitantes a través da súa artesanía, gastronomía, música e rutas turísticas.
A denominación de orixe empezou con 14 adegas e unha produción controlada de uvas de 200.00 quilos para chegar na actualidade a unhas 90, 2.674 viticultores e un rendemento que oscila entre os 5 e 6 millóns de quilos de uvas, segundo a climatoloxía do ano.
Os viños da Ribeira Sacra caracterízanse polo cultivo en bancais e cunha inclinación en moitos casos de 17º o que lle dá o nome característico de “viticultura heroica”. Cultívanse unicamente variedades autóctonas, adaptadas á orografía, terra e clima. A mencía é a variedade máis cultivada e coñecida pero nos últimos anos estase aumentando a elaboración de brancos, a maioría de variedades godello pero incluso se pode atopar albariño.
E como a efeméride non merecía menos o Consello Regulador impulsou a iniciativa de organizar un Festival do Viño no que estarán presentes 22 adegas, propostas gastronómicas, artesanía da zona e interesantes rutas do viño que, concertadas con antelación, partirán de Monforte de Lemos e percorrerán puntos de gran interese na zona. Como complemento a todo o anterior, e con ese carácter festivo que se pretende, non podía faltar a música e as actividades infantís. No apartado musical destacan as actuacións de Oîma e Susana Seivane o venres 14, Tanxugueiras e De Vacas o sábado 15 e a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense o domingo 16. Para os máis pequenos están programados obradoiros creativos, tradicionais e conta contos con Anxo Moure.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.