Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2017 | Actualizada ás 19:48
A dirección de Podemos Galicia vén de abrir aínda máis a fenda aberta en En Marea e cuestionou este xoves, dous días antes do plenario do partido instrumental, a conversión desta "ferramenta electoral" nunha "nova organización política". "Non participamos na construción de En Marea como partido", remachou. De feito, a través dun comunicado para ratificar que Podemos non participará como organización na asemblea do sábado, criticou que En Marea "pretende ostentar baixo a forma de partido único a representación política e social do cambio".
Desde a perspectiva da directiva en Galicia da formación morada, En Marea é "unha ferramenta estritamente electoral" cuxo obxectivo era "dar cabida a unha maioría social que necesitaba dun vehículo común" para "desaloxar o PP da Xunta".
Agora, á vista de que En Marea "continuou a súa propia folla de ruta" para "constituírse en partido", Podemos deixou claro que "non diluirá" nela os seus "principios éticos", o seu "proceder radicalmente democrático" para elixir os seus representantes e o seu "compromiso cun Estado plurinacional e fraterno".
Nesa liña, defendeu que, aínda que "a unidade é necesaria" como "único modo de conseguir o cambio político", non é "un fin en si mesmo" que leve a construír un novo partido. E menos, proseguiu, con "liñas políticas que non sempre responden á renovación e a radicalidade democrática que a sociedade galega reclama".
RENDICIÓN DE CONTAS
En canto á rendición de contas dos deputados ante a asemblea de En Marea, Podemos lembrou que só están obrigados a facela ante os inscritos na formación morada e os votantes da forza rupturista.
"Non temos ningunha obriga con En Marea-Partido, como non a temos con ningunha das outras formacións coas que participamos no devandito espazo", conclúe o comunicado.
Este pronunciamento chega pouco despois de que catro dos cinco representantes no Congreso (Yolanda Díaz, de EU; Ángela Rodríguez e Antón Gómez-Reino, de Podemos; e Miguel Anxo Fernán Vello, de Anova) avanzasen que non irán render contas do seu traballo parlamentario.
No caso dos representantes no Hórreo, de trasladar o informe sobre a actividade do grupo encargarase Pancho Casal, segundo el mesmo informou. Aínda que é militante de Podemos, este labor realizaraa por encargo dos 14 deputados que conforman En Marea.
Pola súa banda, a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, quen tamén ocupa unha das viceportavocías parlamentarias de En Marea, non acudirá o sábado ao plenario porque, sinalaron fontes da súa contorna, ten outro acto do seu partido en Madrid.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.