A polo podio en Alemaña

O triatleta galego Javi Gómez Noya reaparece nas Series Mundiais tras dous meses de parón este sábado en Hamburgo, proba que se disputa na modalidade esprinte e onde tamén participará a ferrolá Inés Santiago.

Por gcdeportes | Pontevedra | 14/07/2017 | Actualizada ás 08:12

Comparte esta noticia

Aínda que será en distancia esprinte, menos favorable ás súas condicións, Javi Gómez Noya loitará esta fin de semana por regresar ao podio das Series Mundiais logo dun parón de dous meses. A cita é o sábado ás 16.00 horas en Hamburgo, a sede máis veterana da competición. Dende 2010 non vence Gómez Noya na cidade xermana.

Javi Gómez Noya, exhausto trala proba de Yokohama.
Javi Gómez Noya, exhausto trala proba de Yokohama. | Fonte: triathlon.org

Tras gañar en Abu Dhabi na primeira carreira do ano e ser cuarto en Gold Coast (Australia), o triatleta galego pentacampión mundial rematou noveno en Yokohama, minguado nas súas condicións por mor dunha infección bucal e un proceso febril.

Trala proba en Xapón, Gómez Noya modificou o plan da tempada, renunciou a participar en Leeds e afinou a forma física adestrando e competindo (Gran Fondo Ézaro) en Galicia.
Agora chega a Hamburgo terceiro na clasificación con 1.862 puntos. En Alemaña estarán Fernando Alarza (1º con 2.743 puntos) e Mario Mola (2º con 2.064), vencedor nesta proba, que se axusta mellor ás súas condicións, o ano pasado. E tamén participarán os británicos Jonathan Brownlee e Tom Bishop, os surafricanos Richard Murray e Henri Schoeman, o francés Vincent Luis, o noruegués Blummenfelt e o portugués Joao Pereira, o mellor cartel no que vai de curso.

“Un año más en Hamburgo! Un poco de entrenamiento, briefing y control antidoping en el q nos tuvieron horas esperando...Con ganas de competir”, chiou Javi Gómez Noya este xoves, amosando as súas gañas por regresar ás Series Mundias Mundial, co obxectivo alomenos de manter ese terceiro posto na táboa.

Na proba elite feminina, oportunidade para a ferrolá Inés Santiago, tras ser segunda hai dúas semana na proba da Copa de Europa en Altafulla. A proba feminina disputarase antes da masculina, ás 14:10 horas deste sábado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta