Temas: TRADICIóN

Carrilanas e xogos populares no Courel

Folgoso do Courel acollerá o día 22 de xullo a Festa da Cultura e a Tradición, unha cita que cada ano atrae a máis visitantes.

Por X.M. Fernández | Folgoso do Courel | 19/07/2017 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

Esta celebración trata de recuperar o mellor daqueles tempos nos que ocio tiña que ver moito cos xoguetes, enredos e xogos que se argallaban ao xeito tradicional e con moita imaxinación.

Carrilanas Folgoso do Courel. Fonte: Asoc. A Coroa
Carrilanas Folgoso do Courel. Fonte: Asoc. A Coroa

Unha xornada de diversión que empeza ás 12.30 h. coa “baixada de carrilanas” dende a antiga escola ata a Praza de Fondo de Vila onde se sitúa a meta. Cada ano hai máis carrilanas apuntadas a esta carreira de bólidos elaborados de forma caseira e con moita imaxinación e humor. Todas as carrilanas teñen gran mérito pero cada ano sorprenden algúns participantes pola elaboración enxebre ou pola extravagancia dos seus vehículos. Ese día pódese atopar calquera cousa.

A romaría que exalta a cultura e a tradición presentarase ás 14.00 h nun fermoso souto, coñecido como o “Souto da Carroza”  onde se celebra cada dous anos a Festa da Castaña do Courel. Nese momento darase a apertura oficial da feira de artesanía e a exposición de xogos tradicionais. Neste mesmo lugar será onde os visitantes fagan unha pequena parada para o xantar campestre e repoñer forzas para o que virá despois.

Ás 16.00 h. está programada unha demostración de artesanía e talla de madeira e xa ás 17.00 h. os Campionatos de Xogos Tradicionais entre os que están: a chave, a billarda, corte de tronzón por parellas, lanzamento de boina e arrebolamento de sacho.  A participación está aberta a todo o mundo e a tarde faise curta co entretemento, bo humor e amizade que se respira no ambiente.

Ás 20.00 h. faise entrega simbólica de trofeos e a continuación dará un concerto a Banda de Folk de Ribas de Sil.

Carrilana WC. Fonte: Asoc. A Coroa
Carrilana WC. Fonte: Asoc. A Coroa

Para as 21.30 h. a cea popular (empanada e panceta) e xa ás 23.00 h. verbena co Dúo Punto e Aparte.

A iniciativa desta festa corre a cargo da Asociación Cultural A Coroa.

Arrebolamento de sacho. Fonte: Asoc. A Coroa
Arrebolamento de sacho. Fonte: Asoc. A Coroa
Temas: TRADICIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta