Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/07/2017 | Actualizada ás 18:00
A Unión do Povo Galego (UPG), a organización maioritario do BNG, impulsa unha homenaxe ao Che Guevara, de quen en outubro se fan os 50 anos do seu asasinato en Bolivia, nunha operación dirixida pola intelixencia dos EE.UU.
A UPG xuntou o pasado mércores en Compostela a diversas organizacións dos ámbitos político, sindical e social para constituír un Comité Nacional Galego de Homenaxe ao Che Guevara. Polo momento, esta formación non facilitou o nome das organizacións que decidiron poñer en marcha esta iniciativa.
Con todo, remitiu un comunicado no que suliña que “as diversas organizacións consideran que a figura e o pensamento de Ernesto Che Guevara son merecentes de divulgación, estudo e homenaxe, debido á súa traxectoria de loita, á súa práctica internacionalista e antiimperialista e á lectura dialéctica do marxismo que realizou”. Ademais, entende que esta homenaxe é necesaria para “recuperar o pensamento de quen foi un dos humanistas e revolucionarios máis importantes do século XX fronte á mercantilización da súa figura por parte de aqueles contra os que sempre loitou”.
O Comité Galego de Homenaxe ao Che Guevara, segundo indica a UPG, “está aberto á integración e participación activa no mesmo” de todas as organizacións galegas que concorden nos obxectivos propostos. Manterá unha segunda reunión co obxecto de avanzar na programación e organizacióndosactos a realizar que terá lugar o luns día 31 de xullo na sede da UPG en Compostela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.