Galicia apaña cinco ouros

Ana Peleteiro en triplo salto, Solange Pereira nos 1.500 e Jean Marie Okutu en lonxitude, tres ouros máis no Campionato de España de atletismo, que se unen aos de Lidia Parada en xavelina e Fran Casañas en disco. Prata para Saleta Fernández en altura con 1,83, mellor marca persoal, e para Belén Toimil en peso.

Por gcdeportes | Compostela | 24/07/2017 | Actualizada ás 08:41

Comparte esta noticia

Catro novas medallas, tres ouros e unha prata, as logradas polos atletas galegos na segunda e última xornada do Campionato de España absoluto de atletismo, disputado no estadio Joan Serrahima de Barcelona. Ana Peleteiro en triplo salto, Solange Pereira nos 1.500 metros e Jean Marie Okutu en lonxitude cumpriron os prognósticos e proclamáronse campións de España. Ademáis, prata para a monfortina Saleta Fernández. En total, sete metais, cinco ouros e dúas pratas, ás que hai que engadir o ouro acadado por Solange Pereira formando parte da remuda do 4x400 co seu club (Valencia Esports).

Ana Peleteiro, no alto do podio en Barcelona.
Ana Peleteiro, no alto do podio en Barcelona. | Fonte: @atletismoRFEA

Os atletas galegos fixeron bos os prognósticos na xornada do domingo. A canguesa Solange Pereira, tras acadar hai unha semana en Rabat a marca mínima para o vindeiro Mundial de Londres, logrou vencer nunha carreira de 1.500 moi lenta, cun rexistro en meta de 4:40.55. Na mesma proba, Leticia Fernandez entrou en quinta posición con 4:43.20.

Tamén cumpriu coas previsións a ribeirense Ana Peleteiro no triplo salto, acadando o seu segundo título absoluto de campioa de España cun mellor rexistro de 13,67 metros. A terceira medalla de ouro foi para o marinense Jean Marie Okutu, que tivo que agardar ata o sexto e último intento para proclamarse campión de España en lonxitude por quinta vez ao aire libre, cun salto de 7,54 metros.

Por ultimo, a monfortina Saleta Fernandez fíxose coa prata no salto de altura cunha marca de 1,83, o seu mellor rexistro ao aire libre, que ademáis iguala o récord galego absoluto.

Tambien cómpre citar o rexistro do xuvenil Pedro Osorio, que mellorou o seu récord galego da categoria na proba dos 800 metros con 1:51.45. O colofón do Campionato de España contou con Solange Pereira na proba dos 4x400 metros, quedando primeira cun rexistro de 3.40.04 sendo a terceira na remuda do Valencia.

A estas medallas hai que sumar as tres acadados na xornada do sábado. Ouros para Lidia Parada en xavelina e Frank Casañas en disco, e prata para Belén Toimil en peso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta