Pablo Rodríguez, subcampión

O biker macedán acada o segundo posto no Campionato de España de cross country olímpico, mentres que Iván Feijoo foi bronce en categoría júnior. A pontareá Isabel Castro, campioa en máster-40A.

Por gcdeportes | Ourense | 24/07/2017 | Actualizada ás 08:37

Comparte esta noticia

Tres corredores galegos obtiveron medalla nas probas de cross country olímpico (XCO) durante a última xornada dos Campionatos de España celebrados na localidade valenciana de Cofrentes. Iván Feijoo fíxose co bronce na carreira júnior defendendo as cores da Selección de Galicia, Pablo Rodríguez (MMR Bikes) acadou a prata na competición elite e Isabel Castro (Condado Bike) proclamouse campioa máster-40A.

O alaricense Iván Feijoo aumentou a súa colleita de podios en campionatos estatais. Desta vez non o pasou nada ben para lograr a terceira posición. O catalán Jofre Cullel dominou dende o principio, co ourensán a 20” na segunda posición ao término da primeira volta. As sensacións do biker do Academia Postal – Actyon – MMR non eran boas e foi alcanzado no segundo xiro polo murciano David Campos, que soltou ao galego no terceiro parcial. A partir dese momento, Feijoo centrouse en garantir o terceiro posto no caixón.

“Na primeira volta xa me decatei de que non ía. Saín a dalo todo, pero non tiven o meu día. Incluso tiven que parar a vomitar e dende entón só pensei en rematar, en intentar manter o sitio no podio”, comentou o júnior de Allariz, que finalizou a 3:43 do gañador Jofre Cullel. Adrián Barros, o outro representante galego nesta proba, clasificouse no posto 25º.

Na proba raíña masculina, os corredores do MMR asinaron un dobrete, con triunfo para o valenciano David Valero e segunda posición para o ourensán Pablo Rodríguez. Os dous marcháronse por diante dende o principio e na terceira volta Valero abandonou a compañía de Rodríguez. O elite galego viu amenazada a prata por Carlos Coloma (Primaflor), que a falta de dúas voltas situouse a 18 segundos, pero o medallista olímpico non aguantou o ritmo e Pablo Rodríguez acabou baténdoo por 1:14. En canto aos bikers da Selección de Galicia, Manuel Parada completou esta carreira no posto 21º e Saúl López, no 36º.

Primeiro título estatal

O gran éxito galego nestes campionatos protagonizouno Isabel Castro. A ciclista de Ponteareas venceu na categoría máster-40B con 1:18 de marxe sobre Nuria Espinosa (Catalunya).

“Estou moi contenta, por fin teño un maillot de campioa de España”, indicou a representante do Condado Bike, que por primeira vez se colgou o ouro nunha cita estatal: “Levaba moito tempo buscándoo e conseguino nun circuíto moi bonito. Malia que teño dous puntos no xeonllo por unha caída que sufrín o sábado, na carreira atopeime ben”.

No resto de carreiras femininas, a sub23 Irene Trabazo rematou sétima na súa categoría, mentres que as juniors Sara Vila e Alba Arias finalizaron duodécima e decimoquinta respectivamente.

Ánimos coa bandeira galega para Pablo Rodríguez Guede.
Ánimos coa bandeira galega para Pablo Rodríguez Guede. | Fonte: @pablorguezguede

Á esquerda, Pablo Rodríguez, subcampión, xunto con David Valero e Carlos Coloma.
Á esquerda, Pablo Rodríguez, subcampión, xunto con David Valero e Carlos Coloma. | Fonte: @F_Gal_Ciclismo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta