O PSdeG fai un chamamento ao "cambio de inquilino" en Monte Pío para combater "a resignación"

Adriana Lastra reivindica en Rianxo que Castelao "construíu parte do discurso do socialismo español"

A CORUÑA | 25/07/2017 | Actualizada ás 17:39 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O PSdeG fixo un chamamento ao "cambio de inquilino" en Monte Pío para que o próximo presidente da Xunta sexa un socialista, de modo que se poida combater "a resignación" e unha realidade "desoladora" que identifica en factores como "desigualdade, pobreza, exilio dos mozos e precariedade" no mercado laboral.

Homenaxe do PSdeG a Castelao en Rianxo
Homenaxe do PSdeG a Castelao en Rianxo | Fonte: Europa Press

Un ano máis, os socialistas galegos celebraron o 25 de xullo, Día de Galicia, na localidade costeira de Rianxo (A Coruña), aos pés do busto de Castelao. Este ano, a presidenta da xestora galega, Pilar Cancela, estivo acompañada pola vicesecretaria xeral do PSOE, a asturiana Adriana Lastra.

Cancela e Lastra, xunto á secretaria xeral de Rianxo, Mari Carmen Figueira, realizaron a tradicional homenaxe coa ofrenda floral á figura do autor de 'Sempre en Galiza', de quen Lastra reivindicou que "construíu parte do discurso do socialismo español".

Tamén Cancela lembrou a idea de Galicia que el encarnou, "digna e cun autogoberno forte", dentro dunha España "federal, profundamente solidaria".

Ante a presenza do tres persoas que por agora mostraron a súa disposición a ser candidatos para as primarias do PSdeG, e ante outros deputados e cargos orgánicos, a presidenta da xestora trouxo a colación varios dos debuxos de Castelao para ilustrar a defensa dunha sociedade "xusta e igualitaria".

Servíronlle para reclamar un país no que non haxa "pobreza infantil" e onde os mozos poidan atopar un proxecto de futuro. "Galicia é moito máis que unha paisaxe (...) é unha forma de estar no mundo", proclamou.

"ALTERNATIVA AO PP"

No seu discurso, cargou contra a dereita "que inventa amnistías fiscais ilegais e anticonstitucionais", e apostou por atacar os "graves problemas" do actual sistema tributario.

Tamén avogou polo diálogo social e a reindustrialización, cunha industria que ao seu xuízo está a ser "vendida aos poucos" polo presidente do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo.

Como "alternativa" ao PP, apuntou á "honestidade, exemplaridade, transparencia" e loita contra a corrupción do PSdeG, que ve no idioma galego o "primeiro e máis importante elemento vertebrador" da identidade de Galicia.

Así, apelando a un espírito "fraternal" e ao proxecto "unido" máis aló de personalismos, Pilar Cancela terminou a súa intervención exclamando unha "viva o PSdeG" e outro "viva Galicia".

UN CENTRO DE DÍA PARA RIANXO

Despois dela, Adriana Lastra animou tamén a "non resignarse" e "pelexarse" contra a actual situación, algo que exemplificou (como antes Cancela) na demanda do pobo de Rianxo dun centro de día.

E é que varios veciños portaron durante todo o acto pancartas coas que demandaban un centro de día para esta localidade, na que van xa 14 días de peche no Concello para esixir á Xunta esta infraestrutura.

Lastra, que previamente falou con estas persoas xunto a Cancela e Leiceaga, convidou a "pelexarse" contra o "emprego de moi baixa calidade", a pobreza infantil e a existencia de "traballadores pobres".

Tamén censurou que o PP "está a pór en risco as pensións" dos maiores, posto que, na súa opinión, "mercantiliza todo", tamén "a saúde e os últimos anos" dos cidadáns.

Neste contexto, fixo do PSOE os principios de "liberdade, descentralización e autonomía" que, segundo subliñou, defendía Castelao --un "socialismo humanista", segundo apuntou--, e interpretou que hoxe en día hai "certos paralelismos" coa súa época, polo chamamento ao "diálogo e o entendemento" en pleno conflito con Cataluña.

A vicescretaria xeral do PSOE terminou recorrendo a Alfonso Guerra para esixir "que ninguén teña tanto" que poida facer a outro axeonllarse ante si e "que ninguén teña tan pouco" para que teña que facelo.

NOVA EXECUTIVA

"Para iso", dixo, "esta nova comisión executiva federal", a designada por Pedro Sánchez, da que recoñeceu que "ninguén" llo vai a pór "fácil".

Por último, deu as "grazas" en concreto a Pilar Cancela polo pacto contra a violencia de xénero recentemente alcanzado, o que provocou o aplauso dos asistentes.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta