A asociación ecoloxista Arco Iris súmase ás alegacións contra o Parque Eólico Mouriños

Denuncian que o proxecto éolico causaría "impactos paisaxístico-ambientais" en zonas de alto valor natural. As alegacións de Arco Iris súmanse ás de Salvemos Cabana e a Sociedad Galega de Historia Natural, ademais do Manifesto de Laxe.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/08/2017 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

A asociación ecoloxista Arco Iris presentou alegacións contra o proxecto de Gas Natural Fenosa para construír un parque eólico na Serra de Gontón, entre os municipios coruñeses de Zas e Cabana. Así, denuncian que o plan do Parque Eólico Mouriños causaría "impactos paisaxístico-ambientais" na zona, onde se sitúan espazos naturais protexidos como o esteiro do río Anllóns. Estas alegacións súmanse as de Salvemos Cabana e da Sociedade Galega de Historia Natural.

Serra do Gontón, onde Gas Natural Fenosa quere instalar un novo parque eólico en Mouriños que afectará ás poboacións de aves e morcegos
Serra do Gontón, onde Gas Natural Fenosa quere instalar un novo parque eólico en Mouriños que afectará ás poboacións de aves e morcegos | Fonte: Salvemos Cabanas

Arco Iris "non se opón en absoluto" á instalación de enerxías alternativas, pero considera "imprescindible" que non se leve a cabo en espazos naturais "de importancia ambiental e paisaxística recoñecida".

Ademais, advirte da "enorme proliferación" destes parques en Galicia, que afectan "de forma irreversible" a estas paisaxes "únicas" como o esteiro do río Anllóns, a Zona de Especial Conservación e a Zona de Especial Protección de Aves da Costa da Morte.

Nas súas alegacións, Arco Iris expón que as obras do Parque Eólico Mouriños causarán impactos —que estima que afectarán a "un radio igual a 15 quilómetros"— na atmosfera, as canles fluviais, a erosión do chan, a repercusión no hábitat da fauna e vexetación, así como as molestias que poden causar ás poboacións máis próximas.

Ademais, a organización advirte dos "riscos" de desprendemento, de caída de raios e de incendios que implican os aeroxeradores eólicos nas alturas dos espazos naturais.

Estas alegacións chegan ao tempo que unha plataforma de sete organizacións vén de presentar o Manifesto de Laxe, que será remitido á Xunta para alertar das ameazas ambientais e paisaxísticas deste proxecto eólico.

"HOLDING ENERXÉTICO"

A maiores, denuncian a "conversión" das enerxías renovables nun "holding enerxético apoiado polo Ministerio de Facenda".

Con respecto a isto, Arco Iris afirmou que o obxectivo é o "lucro económico propio e o menoscabo do interese colectivo", xa que sostén que os municipios onde se instalan os parques "non reciben nada a cambio pero si a Xunta, que se lucra igualmente por medio de taxas e impostos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta