Comparte esta noticia

O proxecto do Parque Eólico Mouriños continúa en fase de alegacións. Mentres, Unións Agrarias e a súa filial Ventonoso están a informar aos veciños dos concellos afectados por esta instalación —Zas e Cabana de Bergantiños— dos detalles do proxecto de Gas Natural Fenosa e, máis concretamente, do contrato que a empresa propón aos 234 propietarios dos terreos onde se pretende instalar o parque eólico. O aviso é claro: o acordo legal entre o arrendador e o arrendatario deixa en situación de desvantaxe aos propietarios e outorga a Gas Natural Fenosa practicamente plenas facultades sobre o terreo.

O presidente de Ventonoso, José Antonio Diéguez Otero, expón os detalles do polémico proxecto Parque Eólico Mouriños.
O presidente de Ventonoso, José Antonio Diéguez Otero, expón os detalles do polémico proxecto Parque Eólico Mouriños.

No acto, celebrado esta semana na Parroquia de Borneiro (Cabana), participaron o presidente de Ventonoso, José Antonio Diéguez, o coordinador da área de desenvolvemento rural do sindicato, Jacobo Feijóo, e o responsable da entidade na comarca de Bergantiños, Ramón Saleta. Alí detallaron as condicións que impón o contrato que ofrece Gas Natural Fenosa aos propietarios dos terreos, a formulación do proxecto eólico, a situación lexislativa e os efectos deste tipo de instalacións industriais, que, segundo Ventonoso, non benefician aos afectados por este tipo de proxectos.

CHAN RÚSTICO REVALORIZADO EN CHAN INDUSTRIAL

Durante a sesión, advertiuse aos propietarios de que a implantación do parque eólico leva un notable cambio na cualificación e valoración dos terreos, que pasan de ser chan rústico a chan industrial, multiplicando o seu valor.

"Os terreos onde se vai instalar este parque até o de agora foron terreos rústicos, pero no momento que se instala o eólico ese terreo pasa a ser terreo industrial". Que significa isto? "Que como terreo rústico tiña un prezo por metro cadrado, pero como terreo industrial ten outro prezo, multiplicando por cinco, dez, quince, vinte... o valor do metro cadrado". É dicir, "eses terreos, no momento no que colocan o eólico revalorízanse dunha maneira asombrosa", expuxeron os organizadores do encontro, quen alertaron aos propietarios: "Vanvos tentar dar gato por lebre, vanvos dicir que é un terreo improdutivo, que só ten pedras, que é rústico, que non vale para nada... Para quedarse con todo. Por que a eles si que lles serve de moito, porque fan moitois cartos con ese terreo. Por que? Porque xa se converteu nun terreo industrial".

Comparativa da altura dos aeroxeneradores do parque eólico Mouriños coa Torre de Hércules
Comparativa da altura dos aeroxeneradores do parque eólico Mouriños coa Torre de Hércules | Fonte: Salvemos Cabana.

OBRIGAS FISCAIS DOS PROPIETARIOS

Unha segunda cuestión destacada e a ter en conta é que os propietarios van ser arrendadores dos seus terreos e, polo tanto, terán que cumprir coas correspondentes obrigas impositivas e fiscais.

Desde Ventonoso e Unións Agrarias avisaron aos propietarios das leiras que nos arrendamentos por parte das compañías eléctricas, habitualmente realizados con contratos a 30 anos prorrogables —como é o caso do que se propón para o Parque Eólico Mouriños—, son os propietarios os que teñen que facerse cargo da facturación, o que orixina unha serie de gastos para os arrendadores.

Máis detalladamente, no contrato de Gas Natural Fenosa de arrendamento de terreos para a instalación de parques eólicos, son os propietarios dos terreos, os arrendadores, os que "teñen que facer facturas, darse de alta en Facenda, facer a liquidación do IVE cada tres meses e a retención polo aluguer do terreo". É dicir, un gasto "inmenso" para os propietarios, avisou José Antonio Diéguez aos veciños da comarca. Polo tanto, os propietarios seguen sendo os donos da finca, con todas as cargas e obrigas fiscais e impositivas, pero o dereito de uso teno Fenosa.

Por que se fan estes contratos? Ventonoso xustifícao nos chamados bonos verdes: "Até non hai moito, os parques eólicos financiábanse en parte por bancos cun 80 por cento e o 20 restante era do promotor. Pero os bancos xa non arriscan tanto e dan o 60 por cento. Mais agora están os bonos verdes", títulos de crédito emitidos por institucións públicas ou privadas calificadas para manexalos.

Estes bonos son activos líquidos e de ingreso fixo que buscan realizar proxectos verdes, sustentables, e obter financiamento por parte de inversores interesados, para ao final retornar o rendemiento do investimento. O que contempla Gas Natural Fenosa, segundo Ventonoso, é "avalar eses bonos verdes cos dereitos de superficie" que adquiriría co arrendamento dos terreos onde pretende instalar o Parque Eólico Mouriños.

FENOSA DECIDE CANDO MARCHA

O contrato que se lle ofrece aos propietarios do chan tamén contempla un período inicial de vixencia de 30 anos. Transcorrido este tempo, e sempre e cando as autorizacións e permisos do parque sigan en vigor, o contrato prorrogarase de forma automática por períodos de cinco anos até a finalización da vida útil do parque, pero "a vontade de Fenosa, non do propietario do terreo", avisan dende Ventonoso. É dicir: "Marchan cando lles peta", sentenciou Diéguez.

Diéguez lembrou ademais que o arrendamento proposto por Gas Natural Fenosa inclúe a propiedade dos dereitos de superficie dos terreos completos. Isto quere dicir que ao asinar o contrato de arrendamento se lle estará dando dereito a Gas Natural Fenosa a explotar a finca completa, non só unha parte desta, incluído o subsolo.

BENEFICIOS PARA A COMPAÑÍA

Segundo o prezo do megawatt e as horas de vento, a asociación Salvemos Cabana calculou que se pode acadar "un mínimo de 500.000 euros por aeroxenerador e ano".

Así, "para un proxecto eólico como o de Mouriños, que ten un investimento de dez millóns de euros, o resultado sería un mínimo de dous millóns de euros netos por ano" durante unha vida mínima de vinte anos, estima Salvemos Cabana, que presentará alegacións a este parque.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 anonimo

Outros máis a nos salvar... Que cansos deben estar de tanto andar salvando a pobres galegos de quen sabe que grandes males! Por que non vos salvades un pouco a vós mesmos e nos deixades ao resto en paz? E que estamos fartos de salvadores.

1 Perceval

Anónimo eres, non cabe dúbida. Anónimo e gris, como debe ser a túa vida compañeiro. Para algúns, mellor sen conciencia.