Temas: CóMIC

As dificultades de editar un cómic en galego

“É irónico que tivese que mercar os meus dereitos de autor para editar Trackers en galego”, apunta o pontevedrés Tirso Cons, que leva máis dunha década traballando para o mercado francés da banda deseñada, o maior e máis prestixioso de Europa. Estes días publica en galego o seu traballo máis recente, 'Trackers. A arma perdida dos deuses', un relato histórico en clave de aventura na mellor tradición da BD franco-belga. Con el falamos sobre este novo proxecto e tamén sobre a súa participación na editorial de BD galega 3pintamonas.

Por Elipses e sombras - Eduardo Maroño | A Coruña | 13/08/2017 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Que nos podes contar de Trackers, o teu novo traballo?
Trackers é unha historia de aventuras clásica de viaxes en pleno apoxeo das rutas marítimas e os conflitos políticos entre as grandes superpotencias europeas (S.XVII-S.XVIII), ao estilo da época dourada de Hollywood ou a literatura Verniana pero con certas influencias oitenteiras que compartimos o guionista David Muñoz e máis eu que o modernizan un pouco, incluíndo o método gráfico, que combina técnicas tradicionais pictóricas cun estilo plástico máis actual.

Como xorde o proxecto?
Hai moitos anos, mentres traballaba en A mansión dos murmurios (El Patito Editorial, 2010), un amigo editor mandoume un artigo que me encantou sobre as expedicións zoolóxicas do século XVII, un período anterior ao dos exploradores da África negra aos que estamos máis acostumados grazas á literatura e o cine. Púxenme a escribir unha historia en torno a ese tema, que foi mudando en diferentes fases ao longo dos anos, pero sempre acababa aparcada polos proxectos nos que estaba traballando. Cando decidín deixar de pospoñelo, David Muñoz, que ademais de guionista é un reputado profesor de guión, botoume unha man “titorizando” os meus pasos. Finalmente, o meu proceso era demasiado lento e David empatizaba moito coa miña historia: el tamén tiña ideas e, sobre todo, moita máis experiencia para que avanzara a bo ritmo. Aquilo tiña que empezar a debuxarse ou me vería obrigado a coller outro proxecto por encargo. E non quería. De modo que David me propuxo escribir el o guión e nos puxemos mans á obra, cóbado a cóbado.

Con David Muñoz xa coincidiras en A mansión dos murmurios. Cal é o voso sistema de traballo?
David é una marabilla para isto, sinceramente. Sempre crin que se debe a que no seu medio natural, o cine e a televisión, o “ego creativo” necesita tragadeiras moi anchas. Así que o feedback, en todas as direccións, era constante, sinxelo e dinámico. Tamén é certo que David e eu nos coñecemos desde hai moitos anos e que xa traballamos de maneira similar en A mansión dos murmurios, aínda que entón a historia era só de David. Pero o intercambio de opinións sobre a coordinación, a narrativa ou os detalles da historia sempre foi moi colaborativo. A min, que como autor non me interesa simplemente debuxar o que me describen, nin traballar sobre guións cerrados, facelo con David ponme as cousas moi fáciles. Gústame escribir, pero traballo demasiado lento esa faceta e aínda estou inseguro como para que poida dedicarlle todo o tempo que me gustaría.

O primeiro álbum da triloxía, A arma perdida dos deuses, aparecerá en galego e castelán, mais o álbum foi publicado orixinalmente en francés. O mercado franco-belga foi a vosa primeira opción o intentastes vendelo en España primeiro?
Si, é un proxecto que creei para editar con Glènat porque xa traballara ben con ese editor en Las Crónicas de Legión. Todo o meu traballo está dirixido ao mercado franco-belga porque é do que podo vivir e no que teño certo nome como para poder seguir publicando en editoriais que me pagan decentemente polo meu traballo e seguir dedicándome a isto profesionalmente.

En que falla o mercado español para que non poida asumir un proxecto que si ten cabida nunha editorial grande do mercado francés?
Vivir en España como autor sen exportar a maiores a produción non é sinxelo; fano moitos autores que ademais teñen unhas vendas máis que decentes na nosa xeografía, pero non é o habitual. A maioría traballan para o mercado americano ou o francés, porque os adiantos polo seu traballo son máis altos. E eses adiantos non son un capricho, trátase dun adianto sobre as expectativas de venda ou de tiradas iniciais. Por exemplo, Trackers en francés tirará, de inicio, 17.000 exemplares. Con vender máis de 1.500 en España xa se considera que funciona. Este é o principal problema para o autor, que vive da súa porcentaxe de vendas sobre cada libro. A principal diferenza con Francia ou Bélxica é que eles len moito en xeral e moito cómic en concreto. Forma parte da súa cultura, que desfrutan, protexen e defenden. Aínda que non están libres de certa crise similar á de aquí, e aínda que as vendas xerais baixaron ou máis ben se diversificaron ante a saturación do mercado, segue a haber un número de lectores potenciais moi alto entre a súa poboación. Que cheguen ao noso idioma débese a que compramos os dereitos de autor para editalos aquí. É cando menos irónico que sexa eu mesmo quen mercara a Glènat os meus dereitos de autor para editalo en galego!

Como conseguiches introducirte no mercado francés?
Aventureime no mercado franco-belga por proximidade, empatía e oportunidade. Cando decidín dedicarme a isto, decateime de que os personaxes que máis me gustaban eran lecturas de alí. Nunca fun lector asiduo de superheroes. Aínda que fixen algunha proba no seu momento e tiven a oportunidade de saltar o charco, decanteime máis pola posibilidade de crear as miñas propias historias e non estar atado a personaxes ou obras que non son meus. Teñen a maxia de ser iconas populares e iso ás veces tira pero só de maneira puntual. Para min, crear e desenvolver proxectos propios era máis interesante. Movín os meus debuxos entre editores pequenos, empecei axiña a traballar e a enlazar traballo s gañando a confianza da xente que me editaba. Así foi con Philippe Hauri, que é un nome importante na miña carreira, primeiro en Les Humanoïdes Associés e logo en Glènat. El apostou moi pronto polos meus proxectos máis que “usarme” como debuxante. Así naceron, primeiro A mansión dos murmurios, que eu lle presentei tras creala con David pola nosa conta, e agora Trackers.

No mercado francés tes colaborado con distintos escritores e publicado en distintas editoriais. Como foron xurdindo os diferentes proxectos?
Cada proxecto xorde dunha maneira diferente. Pode ser cousa do editor, un guionista que che propón a súa historia, que o crees conxuntamente co guionista, ou que lle pidas a un guionista que che escriba algo. Son equipos creativos e sempre hai unha historia diferente detrás. O editor o que busca é ter un proxecto sólido e que funcione ben. É sinxelo.

Ti xa es un autor veterano, como pensas que evolucionou o teu debuxo nestes anos?
Estasme a chamar vello? A verdade é que non me vexo como un autor veterano ata que lembro que levo 14 años nisto. Sinto que aínda vou en cueiros, cada vez máis. Tiña moitas máis certezas hai dez anos que agora, que non teño ningunha. Isto lévame a que, con cada proxecto, sinto a necesidade de explorar terreos gráficos ou técnicas que non tocara. Aprender e divertirme, dentro da orde de manter a actividade profesional, que é esixente en prazos e expectativas. É dicir, á xente non lle gusta que cambies demasiado. Vexo que fun perfeccionando cousas e perdendo outras no camiño. O traballo pódese afrontar de moitas maneiras, dependendo das túas necesidades de implicación. Dentro diso, hai que tratar de equilibrar a túa profesionalidade e as túas necesidades lúdicas ou creativas.

Que tipo de esixencias dende o punto de vista gráfico trouxo Trackers?
Tras levar un período pintando con acuarelas, témperas, etc, en Trackers tiven a necesidade de incorporar unha parte da miña aprendizaxe. Non podía permitirme dar o salto a un tebeo pictórico pero si que pola súa narrativa podía incorporar esa técnica en parte, ademais de traballar o branco e negro. Coordinei con Felideus, o colorista, como poderiamos hibridar o trazo e a base pictórica cunha segunda parte de cor dixital e reforzar todo ese traballo . O resultado é que, en moitas análises que puidemos ler en Francia sobre Trackers, no sabían distinguir que era que: debuxo e cor, ata onde chegaba a acuarela e a cor dixital, as texturas reais e as dixitais... Pero si concordaban en que o acabado era coherente e que funcionaba. Foi un proceso moi esixente para todos porque o feito de pintar con nogalina (un tinte marrón) combinado con aguadas ou tinta daba moito traballo  e complicaba moito o coloreado posterior de Felideus. Se incluímos que dentro da narración hai viñetas ou páxinas que están en cor directa e non “cantan” respecto ao resto, podemos dicir que conseguimos o obxectivo que buscamos e estamos moi contentos. Foi un reto, dende logo.

O editor galego deste álbum será 3pintamonas, un proxecto editorial no que ti mesmo estás implicado. Como definirías a vosa proposta editorial?
3pintamonas xurdiu das inquietudes e afeccións que tiñamos tres amigos (Raul Mariño, Elisa Couto e eu mesmo) e unha idea, que tomou forma de cómic: Abastos (3pintamonas, 2015) que supuxo un proxecto motivador, polo seu contido e o desafío que supuña producir unicamente proxectos de BD galega, aínda que tamén hai edición en castelán. Así que a idea era seguir o mesmo discurso: crear produtos que nos interesen a nós e realizalos integramente. En realidade, Trackers é o proxecto que máis se sae desta filosofía, xa que non é produción propia, pero neste caso fixémolo por tratarse dun tebeo realizado por min e a oportunidade de editalo en galego. Queremos seguir sacando proxectos interesantes e ser nós quen os exportemos a outros países e outros idiomas. Non é fácil e menos sendo tres amigos editando un tebeo cada ano, ¡pero insistiremos!

Que outros proxectos tedes en marcha?
O máis inmediato, e que presentaremos durante Viñetas desde el Atlantico na Coruña, é Door, unha novela gráfica de ciencia ficción que creo que resultará sorprendente ao saírse dos cauces habituais do xénero. O guionista, Antonio Martinez Ron, é un recoñecido divulgador científico, e David Cuence iniciouse ea BD con enerxía e unha grande experiencia en ilustración e deseño.

Trackers foi concibido coma unha triloxía. Cando contades con ver publicados os seguintes álbums?
Pois segundo vaian lanzándose en Francia, seguramente ao longo de 2018. Esperemos que a edición galega teña unha boa acollida e poidamos continuar.

Portada de Trackers en francés, un cómic de Tirso Cons e Muñoz
Portada de Trackers en francés, un cómic de Tirso Cons e Muñoz

O debuxante Tirso Cons
O debuxante Tirso Cons
Temas: CóMIC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta