Por Galicia Confidencial | | 20/06/2025 | Actualizada ás 19:41
Máis de corenta asociacións, colectivos e artistas pertencentes ao tecido cultural da Mariña asinaron un texto redactado polo profesor e investigador J. Fernández. Nos últimos meses, Segismundo García, accionista maioritario de Sargadelos, levou a cabo unha serie de accións que atentan contra a integridade das fábricas e de todo o que representan. A maiores das ameazas de peche e das pésimas condicións laborais dos traballadores de ambas fábricas, o legado de Isaac Díaz Pardo, fundador de Sargadelos, vai diluíndose pouco a pouco.
Afirma J. Fernández no escrito que "Sargadelos é moito máis ca unha fábrica: é o noso centro da memoria, onde se activan e almacenan os recordos. É o Paseo dos Namorados, onde un sente o amor nas mans de quen o acompaña; é unha mirada que se enche de luz nos reflexos da presa-fervenza; son os restos da siderurxia do século XVIII que nos falan do tempo no que Galicia comezaba o camiño cara á industrialización".
A situación que está vivindo actualmente todo o complexo de Sargadelos pon en risco un dos maiores emblemas do patrimonio galego material e inmaterial. "Algúns constrúen os recordos do pasado con batallas, poemas épicos e versos; Isaac Díaz Pardo debuxounos nas súas pezas. Nos seus debuxos e gravados está presente o mundo rural e a vida cotiá. Entendeu que a súa identidade estaba agochada nun espazo que todos esqueceran, e fixo de Sargadelos o símbolo que nós herdamos. Todos os galegos, sexa cal sexa o seu apelido, tomaron como seu este legado e fixérono propio. Os pobos que perderon a súa identidade atopan en Sargadelos unha melodía de formas e cores coas que relatar as súas vivencias e abrazos".
Ambicionando "un horizonte que nunca quede sen luz", J. Fernández pon fin a este manifesto facendo alusión á pegada que Isaac Díaz Pardo deixou en todos os galegos e as galegas, incidindo na relevancia da súa figura e de todo o que supuxo para conformar a nosa identidade. Porque Sargadelos "é moito máis ca unha fábrica".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.