Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/08/2017 | Actualizada ás 09:15
A moción de censura en Coristanco entrou de cheo na campaña das primarias do PSdeG. Unha moción presentada polo PSdeG local, e non censurada pola dirección socialista galega, que xa foi rexeitada por un dos candidatos; o deputado e portavoz do grupo parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga. Tamén outros grupos presentes neste concello, como Compromiso por Galicia (CxG) criticaron duramente aos socialistas por pactar co PPdeG.
“É moi preocupante”, dixo Leiceaga ao referirse a esta moción de censura. "Non comparto este mercadeo co Partido Popular en Coristanco e creo que ten pouco que ver coa liña política aprobada polo PSOE no pasado congreso federal", engadiu. Tamén censurou que non se produciu unha consulta á militancia, no que supón unha clara "incoherencia coas resolucións aprobadas polo Congreso Federal".
Unha alusión directa á dirección socialista galega e, por ende, a un dos candidatos, Juan Díaz Villoslada, a quen os afíns a Leiceaga acusan de ser o “candidato oficialista” en Galicia. “Villoslada está moi calado sobre isto e algo tería que dicir”, apuntaron fontes próximas ao voceiro parlamentario. Con todo, tampouco outro dos contrincantes, Gonzalo Caballero, se pronunciou ao respecto.
Leiceaga mostrouse preocupado polo feito de que o Partido Socialista asinase conxuntamente co seis concelleiros do PP unha moción de censura, aludindo a que hai un mes a dirección provisional do partido en Galicia censuraba este tipo de prácticas e pedíalle explicacións a Feijoo por "querer obter o poder a calquera prezo". "Descoñezo se esta decisión de presentar unha moción de censura co PP foi aprobada por algún órgano do Partido, pero estrañaríame moito", dixo.
Fontes da dirección socialista consultadas por GC suliñan que Leiceaga “quere facer leña da árbore caída” e “pescar en río revolto”. “É un pouco ruín utilizar este feito que impulsan os compañeiros de Coristanco sen apoio de ningún tipo para tentar minar a outro dos candidatos”, suliñaron. E é que, din, “o obxectivo final é atacar a Juan –Villoslada--, Valentín –presidente da Deputación da Coruña-- e Pilar –presidenta da xestora socialista--”, engaden.
Críticas de CxG
Por outra banda, o Secretario Xeral de CxG, Piñeiro Docampo, mantivo este mércores unha xuntanza en Coristanco co Alcalde, Amancio Lavandeira, de Terra Galega. “O xeito de presentación da moción xa revela claramente a nocturnidade e a falla de dignidade dos actores implicados. En Agosto e o parecer sen dar conta ós órganos dos partidos implicados”, criticou.
Para CxG “resulta sospeitoso que o responsable provincial do PSOE avale esta forma de traballar e de actuar, é este o novo PSOE de Sánchez”. “Esta é a mostra de que o PSOE está instalado no existencialismo político facendo incluso acordos con cargos do PP actualmente imputados”, suliñou ao tempo que pedíu ás direccións nacionais de PP e PSOE que procedan na xunta electoral de zona a retirar a representación destes concelleiros e que se actúe conforme a lei de transfuguismo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.