Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/08/2017 | Actualizada ás 13:51
Os universitarios galegos mostran un "consumo excesivo de pastelaría, bebidas alcohólicas, salchichas e comida precociñada". Así o indica un estudo realizado na Universidade de Santiago de Compostela (USC), que alerta dos hábitos e estilo de vida dos estudantes, especialmente daqueles que viven fóra do fogar.
Investigadores do campus de Lugo veñen de presentar na revista científica Journal of Physiology and Biochemistry os resultados dun estudo sobre os hábitos alimentarios e estilos de vida dos estudantes da USC. A investigación mostrou que estes estudantes "poden ter algunhas dificultades na condución dun estilo de vida saudable, cunha actividade física reducida e hábitos dietéticos desfavorables, especialmente para aqueles que viven fóra do fogar".
Os resultados mostraron que a inxesta de carbohidratos estaba por baixo das recomendacións, mentres que as proteínas e lípidos estaban por enriba. Os investigadores puideron comprobar que entre os universitarios "os alimentos máis consumidos son verduras, carne, peixe e aceites, cun consumo excesivo de pastelaría, bebidas alcólicas, salchichas e alimentos precociñados". Observouse, ademais, unha "inxesta pobre de cereais, legumes e froita fresca". E a recomendación en racións por semana de ovos só foi alcanzada por estudantes varóns.
Os estudantes mostraron, ademais, unha "adherencia media á dieta atlántica e mediterránea e baixo risco de diabetes mellitus tipo II e un estilo de vida sedentario".
"Dado que os estudantes universitarios son un grupo especialmente propenso aos hábitos dietéticos pobres, parece necesario promover cambios cara a comidas máis sas e rescatar o patrón dietético mediterráneo", conclúen os autores do estudo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.