Arrinca a Liga para o Celta

O equipo celeste, co debut de Juan Carlos Unzué nun banco de Primeira e a única novidade de Maxi Gómez no once, estrea o campionato fronte á Real Sociedade en Balaídos (18.15 horas).

Por gcdeportes | Vigo | 19/08/2017 | Actualizada ás 08:52

Comparte esta noticia

Mediados de agosto, e os primeiros puntos en xogo. Acabáronse os amigables e principia a Liga para o Celta de Juan Carlos Unzué, que debuta coa visita da Real Sociedade a Balaídos (18.15 horas). O obxectivo: confirmar as boas impresións do primeiro tempo ante o Roma, enganchar á parroquia celeste ao novo proxecto e de paso sumar tres puntos. Cómpre comezar con bo pé.

Juan Carlos Unzué, no último adestramento do Celta antes da estrea.
Juan Carlos Unzué, no último adestramento do Celta antes da estrea. | Fonte: @RCCelta

A principal novidade será precisamente o técnico navarro, que despois de ser axudante de Luis Enrique, no Celta e no Barça, debuta con 50 anos como primeiro técnico nun banco de Primeira coa difícil tarefa de facer esquecer a Eduardo Berizzo, que levou o Celta ás semifinais da Europa League. A outra novidade estará no once, obrigada pola lesión de John Guidetti, coa presenza na punta de ataque do uruguaio Maxi Gómez, que esta semana cumplía 21 anos.

O resto serán vellos coñecidos. Sergio Álvarez na portaría; Hugo Mallo, Cabral, Andreu  Fontás e Jonny na defensa; Radoja, Daniel Wass e Jozabed (agora xa en propiedade) no centro do campo; e Pione Sisto e Iago Aspas para acompañar a Maxi Gómez. A outra cara nova do Celta, o centrocampista eslovaco Stanislav Lobotka, estará no banco.

Compartirá moitos trazos da súa identidade o Celta de Unzué co do seu predecesor: ser protagonista coa pelota, a saída tocando ou a presión alta tras perda de balón. A principal diferenza, a defensa zonal. O técnico navarro sostén que o Celta chega nun bo momento ao comezo da Liga, cunha pretempada “de menos a máis” e pechada coa goleada 4-1 ao Roma.

“No aspecto anímico non é doado chegar mellor. Tivemos unha pretempada moi progresiva, non me podo queixar de como chega o equipo a este partido, aínda que obviamente a nivel futbolístico temos moitas cousas por facer”. O adestrador celeste non dubidou en calificar á Real Sociedade de Eusebio como un dos equipos “máis completos” do campionato. “A Real é un equipo ao que lle gusta ter a pelota, que tenta ter o control do xogo e ten unha boa presión tras perda. É un equipo con todas as letras”, apuntou Unzué, preocupado pola alternancia de xogo en curto e profundidade dos donostiarras, que este ano, como o Celta o ano pasado, regresa a unha competición europea.

Iago Aspas, principal piar celeste, celebra con Wass un gol ao Roma.
Iago Aspas, principal piar celeste, celebra con Wass un gol ao Roma. | Fonte: @RCCelta

“Non vai haber moito tempo para pensar, haberá que mover a pelota con certa velocidade. E creo que o desgaste dese xeito de xogar pode ser determinante na segunda parte se algún dos dous equipos non racha antes o partido”, sentenciou sobre a Real Sociedade, que se presenta en Balaídos co mesmo bloque do curso pasado e coa baixa do central Iñigo Martínez.

Leganés (1-0 ao Alavés) e Valencia (1-0 a As Palmas) foron os primeiros en sumar puntos o venres na Liga 2017-18. O Celta de Juan Carlos Unzué busca ser o terceiro que sume tres. Para comezar con bo pé.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta