A sobrevenda de billetes a Cíes volve deixar en terra a centos de turistas

As navieiras ofreceron como alternativa aos afectados visitar Ons ou ben tramitar a devolución do importe dos billetes. A tensión entre afectados e empregados das empresas obriga a actuar á Policía. A Xunta promete ser "contundente" ante a "reincidencia" e as "reiteradas infraccións" das navieiras.

Por E.P. | Vigo | 21/08/2017 | Actualizada ás 13:02

Comparte esta noticia

A venda de billetes por enriba da cota permitida para o arquipélago de Cíes (2.200 visitantes diarios) volveu deixar en terra a centos de turistas, que este luns se aglomeraron na estación marítima de Vigo, formando longas colas.

Reclamacións viaxe Illas Cíes
Reclamacións viaxe Illas Cíes | Fonte: Europa Press

Segundo explicaron os propios afectados, empregados das navieiras Mar de Ons e Piratas de Nabia trasladáronlles que non poderían embarcar con destino ás Cíes, a pesar de que moitos deles tiñan os seus billetes mercados por internet desde hai semanas. As empresas expuxéronlles, como alternativa, viaxar a Ons, ou ben a devolución do importe das pasaxes.

Na mañá deste luns vivíronse algúns momentos de tensión entre os afectados e empregados das navieiras. Os primeiros denunciaron que "en ningún momento" lles puxeran sobre aviso de que poderían quedar en terra por superarse a cota de visitantes a este enclave do Parque Nacional Illas Atlánticas.

É o caso de dous avogados madrileños, que sacaron o seu billete 'en liña' o pasado 8 de agosto e o recolleron nos despachos de billetes o pasado venres, "sen que ninguén avisase de que isto podería pasar". De feito, advertiron de que, ademais de interpor a correspondente reclamación nas oficinas de Mar de Ons, estudarán presentar unha denuncia nos xulgados "por se a empresa incorreu nunha estafa".

Outro grupo de afectados, tres novos procedentes de Guadalaxara, e que tamén presentaron a súa reclamación, denunciaron que a suspensión da súa viaxe carrexoulles numerosos inconvenientes. "Vimos de Caldas de Reis, pagamos peaxes, gasto de gasolina, e agora chegamos e ofrécennos ir a Ons, cando nós viñemos para ir ás Cíes", lamentou un deles.

A tensión crecente e o malestar dos viaxeiros obrigou a intervir, a media mañá, a axentes da Policía Nacional, despois de que unha empregada dunha das navieras denunciara unha suposta agresión dun afectado. O home negou dita agresión, e os policías interviñeron para "acougar os ánimos", segundo confirmaron fontes de Comisaría.

NAVIEIRAS

Pola súa banda, nin Mar de Ons nin Piratas de Nabia deron explicacións públicas, máis aló dun comunicado emitido pola primeira das navieiras o domingo, no que asegura que estaba "a atender" aos viaxeiros afectados e que esperaría a coñecer as "motivacións" do Parque Nacional para limitar a cota de visitantes.

Á marxe dos motivos da suspensión de viaxes, tampouco as empresas quixeron confirmar cantos barcos puideron saír desde Vigo en dirección a Cíes. Algunhas testemuñas presentes na estación marítima confirmaron que Mar de Ons realizou unha viaxe á primeira hora da mañá, mentres que Nabia realizaría outro, pero só con campistas e traballadores a bordo.

Por outra banda, outra das navieiras que opera no verán con viaxes ás illas, Cruceiros Rías Baixas, si que confirmou que os seus barcos das 9,30 e das 11,30 saíron cara a Cíes "sen problemas".

Este domingo, centos de persoas xa quedaran en terra por superarse a cota de visitantes, e outras moitas, que chegaron a subir aos barcos, foron levadas de volta ao porto de Vigo sen chegar a desembarcar.

REACCIÓN DA XUNTA

A Xunta, que está a tramitar varias denuncias contra catro navieiras por exceder o límite de viaxeiros durante polo menos dúas xornadas a principios de agosto, saíu tamén hoxe ao paso desta crise e confirmou este luns a apertura de varios expedientes sancionadores contra as empredas que operan liñas ás Cíes por exceso de venda de billetes. O Goberno galego prometeu ser "contundente" dada a "reincidencia" das empresas.

Así o trasladou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Ana María Díaz López, quen explicou que as navieras foron advertidas en varias ocasións de que incorreran nun "exceso" de venda de billetes, e que estaban por enriba da cota permitida (2.200 visitantes diarios e 800 campistas).

Díaz López relatou que este "exceso" foi detectado os días 3 e 5 de agosto, e que se incoaron os correspondentes expedientes sancionadores tras advertir ás navieras. Así mesmo, o pasado 19 de agosto volveuse repetir a situación "e avisóuselles por correo electrónico e por whatsapp" de que non se ía a permitir que o domingo desembarcasen máis persoas que as que establece a cota.

A directora xeral xustificou esta decisión para garantir a protección e preservación do espazo natural, e tamén pola seguridade dos propios visitantes. "A seguridade das persoas é absolutamente vital. Exceder a cota pode comprometer a seguridade das persoas no caso de que haxa un incidente", subliñou, á vez que lamentou os prexuízos causados aos afectados, dos que responsabilizou ás empresas.

"Coñecían a norma, apelamos á súa responsabilidade pero esa responsabilidade non foi recíproca", proclamou, e insistiu en que a limitación de viaxeiros a Cíes non é unha condición nova, senón que "a cota foi establecido xa en 1994".

SANCIÓNS

Polas "reiteradas advertencias" e pola "reincidencia" dalgunha das navieras, Ana María Díaz López prometeu que a Xunta vai ser "contundente" nos procesos sancionadores. "A Consellería vai aplicar o réxime sancionador con toda dureza e ata as últimas consecuencias", reiterou, e lembrou que esas sancións poden ir desde 3.000 a 200.000 euros.

Segundo lamentou, a actuación das navieras "dana" a imaxe do Parque Nacional e tamén entorpece o turismo sustentable neses espazos, ademais dos incovenientes que sufriron os viaxeiros.

Finalmente, a directora xeral confirmou que xa o pasado 2016 se abriron varios expedientes sancionadores por sobrevenda de billetes e outras supostas irregularidades. No que vai de 2017 hai 26 denuncias, que acabaron cos procesos incoados polo ocorrido o 3 e o 5 de agosto; máis as denuncias que se prevén polos problemas do pasado fin de semana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta