Coristanco, o concello das tramas políticas

Quen foi o principal impulsor da moción de censura en Coristanco? Como é posible que os principais actores do proceso estean, agora, expulsados ou fóra dos seus partidos? E que papel teñen o PSdeG e o PPdeG na actual situación?...

Por Xurxo Salgado | Coristanco | 29/08/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Son preguntas que non poucos se fan estes días logo do esperpento político vivido neste pequeno concello coruñés, no que, desde o pasado venres, nin PSdeG, nin PPdeG teñen representación política, pero cuxos edís foron os principais impulsores do seu cambio político. E este esperpento político acaba xa de chegar ao Parlamento galego e será o primeiro gran cabalo de batalla entre a oposición e o PPdeG no inicio do curso político.

Amancio Lavandeira, de Terra Galega (TeGa), alcalde de Coristanco, con outros integrantes do seu partido
Amancio Lavandeira, de Terra Galega (TeGa), alcalde de Coristanco, con outros integrantes do seu partido | Fonte: QPC

Abraham Gerpe, ata hai uns días voceiro socialista e único edil nesta localidade, é agora o novo alcalde. Rexedor grazas ao apoio dos seis edís do PP que, agora, tampouco son do PP, xa que se pasaron ao Grupo Mixto. E todo para evitar que, oficialmente, a dirección deste partido se vexa envolta nun novo caso de transfuguismo político.

Así o denuncian TEGA, En Marea e o propio PSdeG. De feito, Terra Galega xa anunciou que impugnará pola vía contencioso-administrativa o pleno da moción do pasado venres ao entender que se incumpriu a legalidade ao dar por válido o voto dun concelleiro do grupo non adscrito. Así o anunciou o xa ex alcalde, Amancio Lavandeira, que cargou contra populares e socialistas.

Tamén o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, censurou a "actitude hipócrita e antidemocrática" do PP ao promover "de forma espuria" unha moción de censura e recolocar a un exalcalde sobre o que pesan sospeitas de "prácticas caciquiis e clientelares". "Se, como declara o PSOE, notificouse a súa expulsión en tempo e forma, o acordo [da moción de censura] é manifestamente ilegal", dixo ao tempo que pediu ao Estado que "actúe de oficio" para "restablecer a legalidade" neste municipio coruñés.

Xogando coa interpretación das leis

Precisamente, na validez ou non dese informe é o que está en entredito. Gerpe asegura que a súa expulsión “non é válida” porque non viña asinada pola Executiva Federal do PSOE. Desde o PSdeG lembran que está asinada pola presidenta da Xestora en Galicia, Pilar Cancela, e polo secretario provincial, Julio Sacristán. “E con iso xa chega”, indican.

Abraham Gerpe, segundo pola dereita, coa súa xa ex agrupación socialista de Coristanco
Abraham Gerpe, segundo pola dereita, coa súa xa ex agrupación socialista de Coristanco | Fonte: QPC

“A expulsión foi comunicada en tempo e forma”, apuntan fontes consultadas do PSdeG por GC que suliñan que,a gora, a formación está estudando cos seus servizos xurídicos se o procedemento seguido durante a moción de censura foi correcto.  E o certo é que validez do procedemento foi delegada na Mesa de Edade do pleno por parte da secretaria, que decidiu inhibirse no proceso. “As alegacións por parte de Gerpe foron 15 minutos antes do pleno e en 15 minuto a secretaria do consello preparou ese informe para delegar na Mesa de Edade”, din estas fontes sobre a extrañeza da decisión.

Por iso, desde o PSdeG tamén apuntan cara ao PPdeG como instigador deste proceso. “O PPdeG en ningún momento expulsou aos seus edís. Reuníu á  súa executiva provincial pero non expulsou os seus concelleiros para que non apoiaran a moción. Iso unha hipocresía política. Ten parte grande de responsabilidade porque se procedera como o PSdeG, pois non habería moción”, apuntan estas fontes.

As decisións do PPdeG

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, responsabilizou aos socialistas polas súas “divisións internas” ante o proceso de Primarias. Así, lembrou que a dirección provincial do PSOE na Coruña enviou "mensaxes contraditorias", pois primeiro "apoiou" a censura baseándose na situación local e despois retirou o aval a esa manobra.

En canto ao seu partido, xulgou que actuou "correctamente" e dentro do pacto antitransfuguismo, pois manifestou que "non apoiaba" a moción de censura ao ver que o único edil socialista en Coristanco fora expulsado do seu grupo. "Agora pouco máis pode facer", recalcou, tras mencionar a decisión da executiva provincial de abrir expediente disciplinario ao seis concelleiros que votaron a favor de que o bastón de mando de Coristanco pasase das mans de Amancio Lavandeira (Terra Galega) a Abraham Gerpe. 

Con todo, o seu partido decidiu deixar en suspenso esa medida porque, o venres, con posterioridade ao pleno e mediante un fax, os únicos edís que eran militantes do PP, Antonio Pensado e Juan García Velo, comunicasen a súa decisión de abandonar esta formación.Unha decisión que volveu levantar aínda máis sospeitas entre os partidos da oposición. “Isto mesmo xo ten feito noutras mocións de censura. Primeiro deixan que a fagan e logo que marchen ao Grupo Mixto”, criticaron desde en Marea. Precisamente, este grupo xa anunciou que levará a situación política ao primeiro pleno do novo curso político. Tamén os socialistas barallan facer o mesmo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Androide

Non entendo por qué os tránsfugas que vam para as mareas son xente digna das máis entusiastas loanzas e estes do contrario.

4 Lalinense

O que non se entende ben é porque en Galicia Confidencial fálase moito dos chanchullos de certos concellos e xamais dos doutros. Por exemplo: Lalín, onde hai poucos días o enésimo escándalo é que un concelleiro ten que dimitir tras ser acusado de abusos sexuais por unha traballadora

3 anonimo

Penso que a expulsión ten que ser contradictoria e acordada polo órgano competente do partido despois da instrucciòn dun expediente disciplinario instruido por un delegado do partido. Ou así se viu noutros casos. E penso que o PSdG debera notificar ó concello e á súa secretaria a apertura dese expediente para impedir a votación ata resolvelo. Pero iso é a miña opiniòn.

2 Dallequechega

Coristanco terra da pataca e de lambons.

1 Phi Phi O'Hara

¿Pero as actas non corresponden aos concelleiros, que non telen mandato imperativo e votan o que lles parece?