Unha praia proxectada para cans en Vigo xera críticas entres os ecoloxistas

Piden que a praia de Calzoa non sexa convertida nun areal canino. Alegan que nela repousan e aliméntanse numerosas aves acuáticas, algunha delas catalogada no Anexo I da Directiva.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 30/08/2017 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

A Asociación Fontaíña, o Colectivo Matogueira, o Grupo de Anelamento Anduriña e Verdegaia solicitaron ao Concello de Vigo que a praia da Calzoa non se convirta nunha das dúas praias caninas que proxecta esta administración. Alegan que neste areal adoitan alimentarse e repousar diferentes especies de aves acuáticas que quedarían sen un dos poucos puntos da costa viguesa onde existen concentracións deste tipo de fauna. 

Praia da Calzoa, en Vigo, que o concello pretende convertir en areal para cans
Praia da Calzoa, en Vigo, que o concello pretende convertir en areal para cans | Fonte: mapio.net

Nun comunicado conxunto lembran que nesta praia aparecen aves catalogadas no Anexo I da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello de 30 de novembro de 2009 relativa á conservación das aves silvestres como a garzota (Egretta garzetta) ou a gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus); as especies engadidas neste anexo deben ser obxecto de medidas de conservación do seu hábitat.

Ademais, lembran que a Calzoa conta con outros interesantes valores naturais como unha das mellores poboacións viguesas do anélido poliqueto Arenicola marina ou a presenza de ecosistemas dunares, tan escasos xa na costa da cidade olívica, con especies de interese como os paxariños amarelos (Linaria poligalifolia) ou o alelí de praia (Malcolmia littorea).

Os ecoloxistas indican que neste areal aliméntanse aves limícolas en migración e exemplares invernantes que repousan ou pasan a noite no interior da Xunqueira do Lagares, a zona húmida de maior importancia do concello. “Non ten sentido a protección da Xunqueira sen esta zona de alimentación”, destacan ao referirse ao caso do pilro común (Calidris alpina) o bilurico bailón (Actitis hypoleucos) ou da píllara real (Charadrius hiaticula), entre outras.

Aves que chegaron a Escocia, Gambia, Francia, Holanda ou Islandia

Outra especie de interese é o virapedras (Arenaria interpres). Lembran que un individuo marcado como xuvenil en 2011 (tería agora seis anos) polo Grupo de Anelamento Anduriña, foi avistada en Escocia en maio de 2015, na súa migración cara ao norte, a 1.700 Km da Calzoa. “Estas zonas de alimentación son fundamentais para garantir a viaxe de ida ata as zonas de cría (a máis de 2.500 Km) e a supervivenza trala chegada ás nosas costas, despois de reproducirse, xa que chegan esgotadas ás nosas praias a finais de xullo ou primeiros de agosto (en plena tempada de praia), despois de ter realizado unha viaxe de milleiros de quilómetros”, suliñan.

Neste sentido, destacan tamén o caso dun pilro bulebule (Calidris alba), atopado exhausto durante a migración na praia da Calzoa, que despois dunha breve estadía no Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Cotorredondo, foi novamente liberado nesa mesma praia. Esta ave foi observada, dous anos e medio despois (en marzo de 2017), en tres ocasións diferentes, na costa de Gambia (3.300 km ao sur). Outras aves desta mesma especie, presentes tamén na Calzoa en diversas épocas do ano, foron avistadas en Francia, Holanda, Escocia ou Islandia (estas últimas a 2.600 km ao norte).

“Por estos motivos o Concello de Vigo debería buscar outro emprazamento máis axeitado para a ubicación dunha praia canina que é incompatible coa conservación dos valores naturais que alberga a praia da Calzoa. Posibles candidatas poden ser a praia de Santa Baia ou unha das praias de Toralla”, finalizan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta