Greenpeace alerta de máis seca e déficit de choiva se non hai ambición política contra o cambio climático

Ve a Galicia "campioa" en renovables, pero lembra que aínda produce o 31% da electricidade con carbón

Por E.P. | A CORUÑA | 01/09/2017 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

A organización ecoloxista Greenpeace alertou de máis casos de seca e déficit de choiva, principalmente no noroeste peninsular, se non hai "ambición" política para frear o cambio climático. Asó o expresou a organización na presentación dun informe sobre "os viláns do clima" en España. Para denunciar a contaminación que se xera, subliñaron que "ningunha" central térmica española cumpre os límites de emisión que se esixirán a partir de 2021.

Seca.
Seca.

A presentación do informe coincidiu coa presenza do barco 'Esperanza' de Greenpeace na Coruña, onde permanecerá atracado uns días para iniciar un percorrido polo Cantábrico baixo a lema 'Misión: salvar o clima'.

Tatiana Nuño e Sara Pizzinato, expertas en cambio climático e transición enerxética, respectivamente, xunto ao capitán do barco, Fernando Romo, reclamaron políticas que "favorezan o desenvolvemento sustentable" e lamentaron as que nesta materia están a promoverse en España.

"VILÁNS" DO CAMBIO CLIMÁTICO

Para pór "cara" aos responsables, a organización ecoloxista elaborou o informe 'Viláns do clima. Quen está detrás do quecemento global en España?' no que sitúan ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, como un dos "viláns".

Xunto a el, figuran ministros e ex-ministros do PP como Álvaro Nadal, Rodrigo Rato ou José Manuel Soria, ou do PSOE como Miguel Sebastián. Os presidentes de compañías eléctricas ou de Repsol completan esta lista, na que tamén figuran "viláns" a nivel autonómico.

Na presentación deste informe, Tatiana Nuño lamentou que, para o desenvolvemento da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, o Goberno non conte "con ningunha organización ecoloxista". Mentres, reivindicou que tanto comunidades autónomas como gobernos locais teñen "ferramentas" para loitar contra o cambio climático.

Respecto diso, criticou que "no país do sol" o 85% da enerxía que se produce en España "proceda de combustibles sólidos e de enerxía nuclear". "Con outros cinco países producimos o 70% das emisións de gases de efecto invernadoiro", expuxo.

SITUACIÓN EN GALICIA

Mentres, Sara Pizzinato criticou "o bloqueo" ás enerxías renovables. Sobre as mesmas, dixo que Galicia é "campioa" nas mesmas ao producir "ata un 17%" desta enerxía. Con todo, recalcou que o noso país "non asumiu o cambio climático". "O 31% da electricidade prodúcea con carbón, case o dobre que o resto de España", apostilou.

As responsables de Greenpeace incidiron, ademais, no "impacto" de centrais como as das Pontes e Meirama, das que dixeron que se atopan "entre as dez empresas máis contaminantes" en España.

Por iso, e en alusión ao informe que presentaron este venres, subliñaron a necesidade de "pór cara aos que coas súas decisións agravan o cambio climático", sentenciou Tatiana Nuño.

Mentres, para difundir a súa mensaxe, o barco de Greenpeace poderá visitarse este domingo, 3 de setembro, no peirao Transatlánticos da Coruña. Posteriormente, emprenderá viaxe a Xixón, onde chegará o 7 de setembro. Finalmente, continuará o seu rumbo a Bilbao onde, aos temas climáticos, sumarase a defensa da paz mundial.

Pola súa banda, preguntada sobre os datos ofrecidos por esta organización, a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, manifestou que a política da Xunta é "apostar máis polas enerxías renovables". "Este é o carreiro onde estamos", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta