Rugby solidario en Lugo

Histórico primeiro torneo triangular coa participación dos tres equipos galegos CRAT da Coruña, Campus Ourense e Vigo RC na Xornada Solidaria do rugby galego, cuxa recadación irá a un fondo para axudar a custear a operación de José Antonio Landeira, que sufriu unha grave lesión.

Por gcdeportes | Lugo | 08/09/2017 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

Unha xornada histórica e solidaria para arrincar a campaña do rugby galego. A primeira vez na historia na que os tres equipos galegos da División de Honra B enfróntanse nun triangular.
O estadio Gregorio Pérez Rivera de Lugo acolle este sábado a Xornada Solidaria do Rugby Galego, cuxo prato forte será o torneo entre os tres principais equipos galegos: CRAT da Coruña, Ourense Rugby e Vigo Rugby Club.

Ademáis, a totalidade do recadado destinarase a un Fondo Solidario-2017 para axudar cos gastos da operación de José Antonio Landeira Mosquera, xogador do CRAT coruñés que sufriu unha grave lesión.

Coa organización do club lucense Muralla Rugby, a Federación Galega de Rugby e as institucións colaboradoras (Concello e Deputación de Lugo) convidan os afeccionados do rugby a participar nesta xornada festiva que terá carácter solidario. O precio da entrada é de 5 euros.

A xornada principiará ás 10.30 horas coa primeira concentración da Selección Galega sénior feminina de rugby, que comeza a preparar o Campionato de España. Ás 13.00 horas, varias presentacións: a nova camisola da Selección Galega, os novos balóns oficiais para a tempada 2017/18, os logos das competicións e a firma do acordo coa nova marca provedora da selección (Deinde Sport). Ás 13.30 horas, presentación das ligas da FGR. Xa pola tarde, o triangular solidario, a festa de confraternización do rugby galego e o terceiro tempo.

Campaña nas redes

Coincidindo coa presentación esta semana en Lugo da Xornada Solidaria, arrincou unha campaña en GoFundMe para recadar fondos para axudar a José Antonio Landeira, xogador do CRAT coruñés que sufriu unha lesión no pescozo chamada estenosis do canal medular, que precisaba dunha operación de urxencia para evitar unha posible parálise. Como o seguro non cubría esta operación, Landeira tivo que asumir os custos, que ascenderon a 11.000 euros.
En tan só un día de vida na rede, a iniciativa conseguiu xa recadar preto de 4.000 euros de 122 doantes.

Campaña solidaria en GoFundMe para recadar fondos para axudar a Jose Antonio Landeira.
Campaña solidaria en GoFundMe para recadar fondos para axudar a Jose Antonio Landeira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta