Por Galicia Confidencial | Portugal | 13/09/2017 | Actualizada ás 14:32
"Focusing on Policies and Practices, the New Speakers" é o lema das xornadas que durante tres días reunirán en Coimbra, Portugal, aos principais especialistas europeos neste campo. Un encontro que contará, ademais, cunha mesa enteiramente galega para falar, precisamente, da situación do idioma, dos neofalantes e do panorama mediatico do galego no noso país.
Nesta mesa participará o director de Galicia Confidencial, Xurxo Salgado, que estará acompañado polo director do xornal Que Pasa na Costa, e secretario da Asociación Galega de Medios (Amega), Ubaldo Cerqueiro, e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Moderarán este panel, que levará por título "New speakers and the future of the Galician Media: Role of crowdfunded Galician newspapers in creation of bottom-up language policies", Anik Nandi, da Universidade Queen's University Belfast, e Bernadette O’Rourke, da Heriot-Watt University.
Esta conferencia examinará o o rol do español como lingua dominante en Galicia e o papel das administracións e da sociedade galega na preservación e defensa do galego. Ademais, abordará a situación dos neofalantes e o papel dos xornais en galego como "contra-élites" que permiten revitalizar o impulso da lingua desde a base.
De feito, durante os tres días que dura o congreso tamén se analizará a situación doutras minorías lingüísticas como a escocesa, a irlandesa, a catalana ou a vasca, ademais de abordar as políticas referidas aos neofalantes en diferentes estados europeos ou a Carta Europea das Linguas Minoritarias.
O neofalantismo
Este congreso está organizado pola rede "The Newspeakers" (Neofalantes) da European Cooperation in Science and Technology (COST) que entende aos neofalantes como actores lingüísticos que teñen que adaptarse, expresarse e vivir en contextos lingüísticos novos diferentes á a súa lingua nativa ou na que foron educados.
Precisamente, neste sentido, Bernadett O'Rourke, que é unha das impulsoras desta rede a nivel europeo, destaca que o obxectivo deste congreso é dar a coñecer as achegas realizadas durante os últimos anos en torno ao neofalantismo nunha Europa multilingüística.
En declaracións a GC, O'Rourke suliña que no congreso de Coimbra haberá importantes interlocutores da política lingüística europea que dialogarán sobre financiamento, planificación lingüstica ou investigacións lingüísticas, ademais de como coordinar o multilingüismo nas sociedades contemporáneas. "O meu papel foi o de liderar o proxecto durante os pasados catro anos e construir un campo de acción nos 28 países europeos que están dentro de COST", indicou.
Importancia do neofalantismo en Galicia
A directora da Intercultural Research Centre (IRC) e profesora na Heriot-Watt University, de Edimburgo, destaca, ademais, a presencia de actores galegos xa que, lembra, que moitas das políticas e estudos iniciais sobre o neofalantismo teñen o seu orixe en Galicia. E o certo é que tanto ela, como o profesor galego Fernando Ramallo -que tamén impulsou estar rede dentro de COST-, foron pioneiros no neofalantismo a nivel europeo.
"Agardo que os poñentes e participantes saian cunha idea clara sobre as políticas e as recomendacións en torno ao neofalantismo que se abordarán neste congreso e que se poidan aplicar nos seus respectivos contextos", sinalou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.