O Foro Económico avisa dun “problema na calidade do emprego” en Galicia

Pon o foco sobre a caída do investimento público. Ademais, o país encadea 33 trimestres de perda de mozos entre 25 e 34 anos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2017 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

O Foro Económico de Galicia avisa de que hai "un problema na calidade do emprego" no país, a pesar de que prevé que o Produto Interior Bruto (PIB) vaia recuperar este ano niveis anteriores á crise. Así o subliña nun novo informe de conxuntura no que se recolle que a economía galega continúa a súa senda expansiva por encima do 3% no primeiro semestre do ano, pero reflicte que esta recuperación macroeconómica "non se trasladou no mesmo ritmo ao mercado de traballo", onde a ocupación se sitúa case 13 puntos por baixo do nivel precrise.

Foro Económico de Galicia
Foro Económico de Galicia | Fonte: Europa Press

De feito, aínda que o director do Foro Económico, Santiago Lago, estima que a economía galega volverá a cifras anteriores á crise en próximos meses, augura que "non se verán nesta década" en Galicia os niveis de emprego anteriores á recesión.

E é que este escenario de "recuperación forte", identifica "algunha sombra" como unha "menor calidade no emprego", con caídas de salarios "xeneralizadas" que afectan o consumo.

No informe arróxase como conclusión que "o mercado de traballo está a experimentar nos últimos anos cambios de calado", xa que "se acentúa a precariedade e a inestabilidade laboral". Aquí, Lago reflexiona sobre que "o tempo xa transcorrido de recuperación" sen que mellorase esta cuestión "debe levar a pensar" que se pode manter esta problemática "cuns custos extraordinarios" para a sociedade.

Neste sentido, avoga por buscar "grandes acordos sociais" e "pactos" para mellorar a situación de precariedade existente, pois non ve de recibo que haxa unha taxa de temporalidade do 73% entre os mozos de 16 a 24 anos, ou que España teña os niveis de paro máis altos en Europa tras Grecia.

TIRÓN DE EXPORTACIÓNS, PERO CAÍDA DE INVESTIMENTO PÚBLICO

Pola súa banda, o ex-presidente da Xunta Fernando González Laxe remarcou o tirón das exportacións galegas que produce o avance do PIB, co téxtil como rama con mellor comportamento, aínda que apunta á baixada nas vendas ao exterior dos derivados da industria da automoción, cunha forte competencia no Norte de Portugal e Marrocos.

Neste crecemento continuado de Galicia no últimos tres anos, leva catro trimestres consecutivos de avance superior á economía española.

Unha das cuestións sobre as que chamou a atención Laxe é acerca da caída do 0,9% no investimento das administracións en Galicia durante o segundo trimestre. En contraposición en España aumenta un 1,3%.

Respecto diso, critica este "dato negativo" no investimento das administracións: "Comportándose coma se estivésemos na crise". Por iso, alerta de que "se se mantén esta tónica o comportamento da economía galega pode verse menoscabado".

Cuestionado sobre a futura lei galega de implantación empresarial que comezou a súa tramitación parlamentaria esta semana, González Laxe advertiu de que poden producirse "solapamentos" entre instrumentos económicos da Xunta, xa que aínda non se avaliaron propostas como Galicia 4.0, a Axenda e a Estratexia para a economía galega, e agora pon en marcha unha nova norma sobre a que se pregunta "a que substitúe".

PERDA DE MOZOS ENTRE OS 25 E OS 34 ANOS

Pola súa banda, o economista Patricio Sánchez puxo o foco tamén sobre como a recuperación en cifras macroeconómicas non supuxo frear a perda de poboación, cun descenso acusado entre os 25 e os 34 anos, a cal encadea 33 trimestres consecutivos de baixada.

De feito, a poboación entre 25 e 34 anos está 34 puntos por baixo do segundo trimestre de 2008. Entre os factores para esta baixada, Sánchez identifica os factores demográficos dunha envellecida Galicia --o 46% dos traballadores ten máis de 45 anos--, unido á emigración, aínda que sinala que non pode segregar a que porcentaxe corresponde cada causa con base nos datos oficiais.

Tamén chama a atención sobre o crecemento do emprego en Galicia a un ritmo do 2%, por baixo do nivel de avance da economía galega do 3%, polo que a intensidade do incremento do traballo "non é tan boa" en Galicia como en España.

AVANCE DA ROBOTIZACIÓN

Finalmente, este informe inclúe un estudo sobre os efectos da crecente robotización, que foi realizado por Alberto Vaquero, do Grupo GEN da Universidade de Vigo, e que foi presentado por José Francisco Armesto.

Aquí, sinálase que Galicia "non é allea a esta realidade", cuns avances tecnolóxicos neste campo centrados en empresas de gran tamaño como Inditex, PSA-Citroën e Navantia.

No estudo recóllese unha investigación de Caixabank na que se observa que algúns dos sectores máis afectados polo risco de automatización serán os de servizos financeiros, taxis e entrega a domicilio.

Sobre este extremo, prevense importantes cambios en materia laboral, polo que se insta aos responsables públicos e a axentes sociais a anticiparse ás consecuencias desa cuarta revolución industrial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 antifachas

os defensores do PPresidente frijolito que sempre saen criticando calquera nova relativa ao nacionalismo calades diante destas informacións