Villafranca (León) lembra a figura de Fernández Morais, o "cantor" que recolleu o galego do Bierzo

Un simposio de tres días organizado pola RAG repasa o legado do autor, considerado un dos precursores do 'Rexurdimento'

| 16/09/2017 | Actualizada ás 18:40 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Villafranca (León) lembra este fin de semana a figura de Antonio Fernández Morais, o "cantor do Bierzo", ao que se lle dedica estes días un simposio organizado pola Real Academia Galega (RAG) e o Instituto de Estudos Bercianos (IEB) con motivo do bicentenario do seu nacemento.

Exposición sobre Fernández Morais
Exposición sobre Fernández Morais | Fonte: Europa Press

Este sábado, a segunda xornada do simposio serviu para inaugurar unha exposición didáctica sobre Fernández Morais e o galego no Bierzo, xa que este autor, considerado un dos precursores do 'Rexurdimento', foi o primeiro en recoller a fala desta zona limítrofe entre Galicia e Castela.

O Claustro de San Nicolás o Real de Villafranca del Bierzo acolle esta mostra inspirada nas cartas inéditas escritas polo homenaxeado a Mariano Cubí nos anos 40 do século XIX e que se conservan no Museo do Bierzo, segundo sinala a RAG nun comunicado.

Ademais, esta exposición será itinerante e chegará aos centros educativos do Bierzo. Na inauguración estiveron presentes o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, a presidenta do IEB, Mar Palacio, e o alcalde de Villafranca, José Manuel Pereira.

A programación complétase este sábado coa estrea dunha peza serial dodecafónica inspirada no poema de Antonio Fernández Morais 'Villafranca i a vendima' composta por Maurizio Polsinelli que pechará a segunda xornada do simposio.

RETRATO DO GALEGO DO BIERZO

Así mesmo, tamén se celebraron varias mesas nas que se profundou sobre a figura de Fernández Morais, o primeiro en estudar e recoller a "fala autóctona" do baixo Bierzo nun momento no que existía un "interese crecente" polas linguas e dialectos tanto no ámbito hispánico como europeo.

Por outra banda, o profesor da Universidade de Vigo, Anxo Angueira, analizou a súa achega á literatura en galego nunha conferencia titulada 'Morais no Rexurdimento', no que tamén puxo o foco nas relacións literarias mantidas con algúns dos seus contemporáneos.

O académico da RAG Xosé Henrique Costas destacou o "proceso de redescubrimiento" da figura de Fernández Morais que leva a cabo desde o inicio do novo século sobre un autor "que debe ser considerada como a cuarta coroa poética do 'Rexurdimento'".

O simposio concluirá este domingo en Cacabelos (León) con novas conferencias sobre as súas cartas, as súas poesías e os instrumentos musicais empregados nos seus versos.

Ademais, un recital poético de Anxo Angueira e unha ofrenda floral ante a tumba de Fernández Morais coa intervención musical da Escola de Gaitas de Villafranca del Bierzo porá o broche a tres días de homenaxe.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta