Galicia 'ascende' no fútbol americano

O equipo compostelán Black Ravens FA participará a vindeira tempada na Serie A trala ampliación da máxima categoría pola Federación Española. Quince equipos repartidos en tres grupos disputarán a Liga, que arrincará en xaneiro.

Por gcdeportes | Compostela | 19/09/2017 | Actualizada ás 08:32

Comparte esta noticia

Obxectivo acadado. Os Black Ravens FA, equipo compostelán de fútbol americano, xogarán no 2018 na Serie A, a máxima competición estatal de fútbol americano, trala ampliación acometida na categoría pola Federación Española.

Os Black Ravens composteláns xogarán na Serie A a vindeira campaña.
Os Black Ravens composteláns xogarán na Serie A a vindeira campaña.

“As nosas metas dende a creación no 2012 foron promocionar o football na nosa cidade, na nosa comarca, e tentar xogar a máxima competición posible. Este ano, co troco de formato da Liga, e tras moito traballo da nosa directiva, co apoio de todos os que estiveron dende o principio crendo en nós e coa colaboración do departamento de Deportes do Concello de Santiago, abriuse esta posibilidade e acadámolo”, apuntan dende o club compostelán.

A Serie A, organizada pola FEFA (Federación Española de fútbol americano), estará formada a vindeira campaña por 15 equipos divididos en tres grupos segundo a proximidade xeográfica:
A: Badalona Dracs, L'Hospitalet Pioners, Reus Imperials, Mallorca Voltors e Valencia Firebats.
B: Camioneros de Coslada, Granada Lions, Murcia Cobras, Alicante Sharks e Valencia Giants.
C: Osos Rivas, Las Rozas Black Demons, Gijón Mariners, Coyotes Santurtzi e Santiago Black Ravens.

As dez xornadas da Serie A arrincarán a fin de semana do 13-14 de xaneiro de 2018 e rematarán o 15 de abril. En cada xornada disputaranse seis partidos (dous por grupo) e descansarán tres equipos (un por grupo). Ao remate da liga regular, a clasificación xeral será conxunta para os tres grupos: os 12 mellores xogarán os play-offs polo título (os catro primeiros pasan directamente a cuartos) e os tres últimos xogarán os play-offs de descenso. A gran final será o 2/3 de xuño e os play-offs de descenso rematarán o 9/10 de xuño.

Santiago Black Ravens son catro veces campións da Liga Galega e teñen unha experiencia de dous anos competindo na Liga Portuguesa 11×11. Teñen realizado campus propios de adestramento, ao que nesta campaña asistiron como Coaching Staff Bart Iaccarino e os imports de Reus Imperials, subcampión da LNFA (Badalona Dracs son os actuals campións).

Asemade da boa nova, os Black Ravens FA anunciaron nova denominación para o seu equipo júnior, Santiago Pilgrims, que estará formado por xogadores nados entre 1999 e 2002. O club compostelán segue co recrutamento aberto, buscando xogadores que queiran probar no fútbol americano para medrar como club.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta