Por Galicia Confidencial | Verín | 14/05/2025 | Actualizada ás 09:00
Verín e Monterrei prepáranse para vivir a primeira edición da Revolta Irmandiña, unha carreira de obstáculos que non só desafiará a valentía dos adultos, senón que tamén ofrecerá unha experiencia inmersiva para os máis pequenos da casa. Baixo o nome das Irmandades Miúdas, cativos e mozos de entre 6 e 16 anos poderán converterse tamén en verdadeiros Irmandiños superando probas e obstáculos nunha aventura que os mergullará nas paraxes da comarca.
A iniciativa, organizada polo colectivo KTORCE, nace coa vontade de ofrecer unha alternativa deportiva e cultural para a mocidade, combinando diversión, desafío e un forte vínculo co territorio. “Queremos que a infancia e a xuventude tamén formen parte desta Revolta, que sintan que este evento é para todos e todas, independentemente da idade”, destacan desde a organización.
A REVOLTA IRMANDIÑA
O percorrido será circular con saida e chegada no Parque da Preguiza en Verín e será de aproximadamente 8 quilómetros (percorrido longo para Élite e popular) e de 5 quilómetros (percorrido curto só para categoría Popular), haberá que sortear máis de 20 obstáculos, e estará completamente sinalizado. Ao longo do percorrido, a organización establecerá controis onde haberá persoal velando pola seguridade dos participantes.
As inscricións poden realizarse na páxina web de CCNORTE.
IRMANDADES MIÚDAS
Irmandades Miúdas estrutúrase en dúas modalidades adaptadas ás diferentes franxas de idade para garantir que todos os participantes poidan desfrutar da experiencia ao máximo.
De 6 a 11 anos: Haberá un circuíto pechado e seguro dentro do Parque da Preguiza (Verín), con dez obstáculos deseñados para poñer a proba a súa axilidade e destreza. Entre os desafíos atoparán saltos de alpacas, redes de arrastre, equilibrios, arrastre de rodas ou o volteo de neumáticos. A participación será de balde, con quendas flexibles que permitirán a máxima diversión en pequenos grupos.
De 12 a 16 anos: Para os máis aventureiros, deseñouse un percorrido de 3 quilómetros que sairá do Parque da Preguiza, seguirá polo camiño do río ata a Pousa e regresará ao punto de saída. Con 15 obstáculos, esta modalidade achegará aos mozos e mozas unha experiencia de superación e adrenalina. O prezo será de 16 euros e inclúe camiseta conmemorativa e medalla. As inscricións -limitadas- están xa dispoñibles a través da seguinte páxina web: www.arevoltairmandinha.ccnorte.com
POSTA EN VALOR DO TERRITORIO
Ademais de promover a práctiva deportiva e o lecer activo, esta iniciativa busca potenciar o territorio de Monterrei promovendo os seus recursos naturais e patrimoniais e dinamizando a economía local.
Dende a organización afirman tamén que esta iniciativa aposta pola sostibilidade e a inclusión, fomentando a participación de todo tipo de persoas e garantindo un impacto positivo na contorna.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.