Miguel Ángel, un ourensán precursor da galeguización

A Deputación de Ourense concedeulle o premio Ourensanía a Miguel Ángel González “por ter sido,se cadra, o deportista ourensán que máis altas cotas de recoñecemento acadou no ámbito internacional que nunca esqueceu as súas raíces, que aínda hoxe reivindica dentro e fóra de Ourense”. Tales foron os méritos que o xurado considerou para tal distinción institucional.

Por Xosé Glez. | Redondela | 22/09/2017

Comparte esta noticia
Por volta dos anos oitenta, servidor era funcionario do Concello de Redondela e xefe do seu servizo de normalización lingüística en tempos de moitas ilusións e propostas imaxinativas para espertar na cidadanía o orgullo da galeguidade e a defensa dos seus valores patrimoniais. Foi así como deseñei unha campaña publicitaria sen precedentes  na historia de Galicia cun enfoque atractivo, e valéndome de personaxes daquela con grande proxección pública en cadanseu ámbito. O rubro da campaña –“Sinte Galicia, fala o teu idioma”- campou en grandes cartaces deseñados por  Manolo Janeiro  e Paco Mantecón que entón eran parella na arte do deseño, dos que se editarían cinco mil exemplares.
 
Despois de darlle moitas voltas á nómina de persoas para aquela ambiciosa campaña publicitaria decidín escoller  trece que eran moi familiares para o común da xente. Púxenme en contacto con todos eles para pedirllela colaboración  que consistía nunha frase a prol da lingua galega coa súa sinatura caligráfica.
 
O actor Fernando Rey elixíu esta: “Porque o galego sexa a lingua propia de Galicia”.Camilo  J.Cela:”Usa o galego, demostra que estás orgulloso da túa lingua”. A muller do tempo nos telexornais de TVE, Pilar Sanjurjo: “Desenrolemonos sobre as nosas raíces.Falemos a nosa lingua”. Monseñor Araúxo, Bispo de Mondoñedo-Ferrol: “A Deus tamén lle gusta que lle falen galego”.O director xeral da CRTVE, Xosé María Calviño: “A tua lingua vale non só para andar pola casa; usa o galego para todo”. A actriz Rosalía Dans,protagonista da serie televisiva “Los gozos y las sombras”,dicía “ A lingua é o vehículo máis importante que traduce a cultura dun pobo”. O cronista deportivo e cantante en galego,Pepe Domingo Castaño: “O galego é a lingua dos galegos. De ti e de min”. Fernando Romay, xogador de baloncesto: “O pobo que recobra a súa lingua, recóbrase asi mesmo”. Luís Mariñas, presentador dos telexornais de TVE: “O futuro da lingua está intimamente vencellada ao futuro do pobo que a fala”. O pontareano Álvaro Pino, gañador da Volta ciclista a España: “Se queremos unha Galicia nosa temos que cultivarnos en galego.Fala e escribe na nosa lingua”. O cantautor Amancio Prada: “Pola lingua nai:galego na fala e no canto”, e Adolfo Domínguez ,modisto de sona naqueles anos afirmaba: “A túa lingua xa ten Lei, se lles tes lei a ela, úsaa”.
 
Pero faltabame alguén que fose coñecido nos medios futbolístico e dei con Miguel Ángel,un ourensán no C.F.Real Madrid. Axiña que lle pedín a colaboración non dubidou e mandoume esta frase para o cartel, a máis extensa de todas: “Falar galego non significa o abafallo para as demais linguas; senón que a lingua galega é parte dunha cultura e dun modo de expresión do noso pobo.Fala galego! Eu tamén o falo!”
 
A campaña publicitaria provocou os seus efectos de contado.Todos os medios de comunicación do Estado fixéronse eco dela,louvándoa; pero tamén as sociedade da emigración déronnos os parabéns e solicitaronnos  coleccións de cartaces que en Redondela foron distribuídos semanalmente por todos os lugares das súas parroquias, centros de ensino, adros e tabernas. Ao pouco, os redondeláns empezaron a sentírense orgullosos da política lingüística do Concello, creándose un clima de galeguismo entusiasta que conseguíu contaxiar ao resto dos concellos galegos. 
 
Aquela campaña publicitaria é hoxe un fito na historia da lingua galega que será lembrada como exitosa por todos os que a viviron. Como os tempos mudan e as xeracións se suceden abafadas por mensaxes que disolven a conciencia patria,  non estaría de máis argallar outra imaxinativa e incisiva.
 

Miguel Ángel nunha campaña a prol do galego
Miguel Ángel nunha campaña a prol do galego
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA