Obra e Uni Ferrol, campións

O Obradoiro vence 75-71 a Breogán na final da Copa Galicia en Marín tras remontar no último cuarto cun parcial de 26-14 e suma o oitavo título consecutivo. O Uni Ferrol venceu en Esteiro 63-42 a Celta Zorka e suma a quinta copa seguida.

Por gcdeportes | Marín / Ferrol | 24/09/2017 | Actualizada ás 21:33

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Monbus Obradoiro 75:
Albert Sabat (2), David Navarro (8), Matt Thomas (21), Nacho Llovet (17), Artem Pustovyi (6) –cinco inicial- Pepe Pozas (2), Ben Simons (6), Corbacho (6), Bendzius (3), Adam Pechacek (4) e Martins Laksa (0).
Cafés Candelas Breogán 71: Christian Díaz (7), Salva Arco (11), Lofberg (14), Demetrio (12), Guille Rubio (8) –cinco inicial- Ricardo Uriz (6), Dejan Cigoja (7), Fuzaro (4) e Sergi Quintela (2).
Parciais: 16-17, 24-21 (40-38), 9-19 (49-57), 26-14 (75-71).
Árbitros: Miguel Ángel Pérez, Carlos Cortés e Jacobo Rial. Eliminaron por cinco faltas persoais a Artem Pustovyi.
Incidencias: final da 32ª edición da Copa Galicia disputada no pavillón da Raña en Marín. O obradoirista Matt Thomas, MVP da final.

O Obra celebra o oitavo título da Copa Galicia en Marín.
O Obra celebra o oitavo título da Copa Galicia en Marín. | Fonte: @FGB_Baloncesto

Emocionante final da 32ª edición da Copa Galicia en Marín, onde o Obra acadou o oitavo título consecutivo tras gañar unha igualada final ao Breogán por 75-71. O equipo lucense foi por diante case todo o partido (49-57 ao final do terceiro cuarto), pero os de Moncho Fernández reaccionaron no último acto (26-14) e xogaron mellor os minutos finais, máis atinados dende o tiro libre: 12/13 dos obradoiristas, por 6/15 dos lucenses, aos que se lles escapaou o partido dende os 4,60.

O Breo entrou moi concentrado ao partido, e cos puntos de Salva Arco e Lofberg púxose por diante (6-11). O Obra cargaba o xogo sobre os seus interiores, Pustovyi e Nacho Llovet, pero cun parcial de 0-6 os lucenses mantíñanse por diante tras dez minutos (16-17).

Con triplas de Uriz, Christian Díaz e Arco, o Breo abriu oco no segundo acto (25-32). Moncho Fernández tivo que parar o partido con 30-36, e só a aparición de Alberto Corbacho, con dúas triplas case consecutivas, permitiu o Obra ir ao descanso por diante: 40-38.

O terceiro cuarto foi de dominio breoganista, malia que Matt Thomas arrincou con dúas triplas (46-42). De aí ata o final, só unha canastra de Navarro e un tiro libre de Bendzius nos composteláns, para un parcial de 3-15 do Breogán, cos puntos de Lofberg e cinco consecutivos do esloveno Cigoja. Con dez minutos por diante, 49-57.

O Obra achegouse axiña cos puntos de Matt Thomas, e Natxo Lezcano parou o partido con 57-61. Oito puntos consecutivos do rookie estadounidense e partido empatado 69-69 a pouco máis dun minuto do final. Nacho Llovet anotou catro tiros libres consecutivos, e Uriz, tras anotar a canastra do empate 71-71, perdeu unha pelota decisiva con 73-71 a dez segundos do remate. Bendzius puxo o 75-71 definitivo para unha vitoria sufrida dos composteláns.

O Obradoiro CAB suma un novo título, o oitavo, todos consecutivos, pero o CB Breogán segue sendo o equipo con máis Copas Galicia, con once títulos. O COB suma sete.

Ficha técnica
Star Center-Uni Ferrol 63:
Carmen Fernández (0), Ani Calvo (2), Rachel Vanderwall (22), María Araújo (11), Bea Sánchez (9) –cinco inicial- Jamie Scott (15), Marina Delgado (4), Paula García (0) e Danna Villar (0).
Celta Zorka 42: Itziar Germán (9), Raquel Carrera (6), Patricia Vicente (0), Sarah Ogoke (8), Minata Keita (11) –cinco inicial- Anne Senosiaín (2), Ainhoa Lacorzana (6), Paula Fernández (0), Laura Alonso (0), Paula Rivas (0), Nerea Arambarri (0) e Lucía Figueroa (0).
Parciais: 14-7, 15-13 (29-20), 21-12 (50-32), 13-10 (63-42).
Árbitros: Paula Lema e Adrián Iglesias. Eliminaron por cinco faltas persoais a Ani Calvo e Jamie Scott nas ferrolás e a Anne Senosiaín nas viguesas.
Incidencias: final 31ª edición da Copa Galicia disputada no pavillón de Esteiro (Ferrol).

O Star Center-Uni Ferrol proclamouse campión da 31ª edición da Copa Galicia, o seu quinto título consecutivo, tras impoñerse na final en Esteiro a Celta Zorka por un contundente 63-42. As de Lino López abriron oco no final do primeiro cuarto e inicio do segundo cun parcial de 11-0, para poñerse 17-7. O Celta reaccionou cun 0-6 para achegarse a 21-15, pero ao descanso a vantaxe seguía sendo de nove: 29-20. As ferrolás sentenciaron o choque no terceiro acto, cun parcial de 21-12. Chegaron a ter 25 de vantaxe, para acabar gañando 63-42. Uni Ferrol acadou 8/24 en triplas (33%), por un pésimo 2/16 das viguesas (12%). Rachel Vanderwall foi a MVP da final con 22 puntos e tres triplas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Qué teima con acortar os nomes propios dos clubes; ate lle cambiaron o escudo que tiña tan bonito. Que si Obra, que si Depor, que si Compos, que si Breo. E logo dicimos que nos deturpan os de fóra, cando somos nós os que non coidamos o noso.