Temas: VILLOSLADA PSDEG

Villoslada presenta as súas bases e reclama aos rivais que aclaren se teñen un pacto

Aposta pola innovación e a transición ecolóxica da economía son dúas das súas propostas no eido económico. Sobre un posible pacto entre Leiceaga e Caballero, defende que os avais "non se poden utilizar para establecer alianzas interesadas".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 30/09/2017 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG, Juan Díaz Villoslada, presentou este sábado pola mañá na agrupación socialista da Coruña as bases programáticas do seu proxecto 'Galicia desde a esquerda'. Fíxoo xunto a un grupo de compañeiros, entre os que se atopaban o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o médico e exdiputado ourensán Alberto Fidalgo, a parlamentaria autonómica Noelia Blanco e a concelleira coruñesa Silvia Longueira.

Presentación das bases programáticas de Villoslada na Coruña
Presentación das bases programáticas de Villoslada na Coruña

Segundo indicou o propio Villoslada a través dun comunicado, este "traballo colectivo" de "un novo proxecto para Galicia" ten en conta os "logros" do socialismo no pasado, pero "renovado e modernizado, forte e unido". O seu obxectivo, precisou, é "mirar cara a cara ao PP e a Feijóo" e "levar adiante políticas distintas ás conservadoras e neoliberais".

As liñas programáticas de 'Galicia desde a esquerda' dedican a primeira parte ás ideas e medidas para o partido para pasar, na segunda parte, a aplicalas na sociedade, pondo o foco nos servizos públicos, a reindustrialización, o I+D ou a transición ecolóxica da economía.

Tamén recollen a "obrigación moral e política" que o Goberno galego debe ter coas persoas maiores, a aposta pola calidade no emprego, a necesidade de "potenciar un futuro" para a xente nova ou a igualdade como "sinal de identidade".

O candidato socialista anunciou que se é elixido secretario xeral complementará estas liñas programáticas cunha conferencia política no inicio de 2018 para "presentar un proxecto non só a curto prazo, senón tamén a medio e longo prazo" que supoña "o pistoletazo de saída para lanzar a forza dos socialistas" de face ás eleccións municipais de 2019.

Con respecto a un posible acordo posterior aos avais das outras dúas candidaturas no proceso, a do portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e a do vigués Gonzalo Caballero, Villoslada afirmou que non ten "coñecemento efectivo" de ningún pacto, pero apuntou que "unha vez superada a fase dos avais non caben acordos".

A este respecto, defendeu que os avais "non son un cheque en branco dos militantes" e que, por tanto, "non se poden utilizar para establecer alianzas interesadas". "O tres presentámonos para chegar ata o final o día 8. Deberían explicitarlo tanto se é certo coma se non porque, de ser certo, habería unha falta de transparencia e un engano aos militantes que avalaron nesta fase anterior", subliñou, xusto antes de facer fincapé en que o importante neste proceso é "o pacto coa militancia".

Temas: VILLOSLADA PSDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta