En Marea acusa a Feijóo de "facer propaganda e propagar o medo" na Cámara e ínstalle a defender a Galicia

Sánchez avanza o rexeitamento a apoiar o discurso do Rei xa que non admitirán "leccións de democracia do herdeiro de Franco"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2017 | Actualizada ás 13:05 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de utilizar o Debate sobre o Estado da Autonomía para "facer propaganda e propagar o medo" e instoulle a "deixar de esconder as orellas" ante o Partido Popular de Madrid e "defender os intereses" de Galicia e dos galegos.

O deputado de En Marea e líder de Anova, Antón Sánchez
O deputado de En Marea e líder de Anova, Antón Sánchez | Fonte: Europa Press

Sánchez foi o encargado este venres de presentar no debate de política xeral as propostas do partido instrumental fronte a un presidente "instalado na soberbia da maioría absoluta" e "absolutamente ineficaz".

"Con Feijóo vivimos un novo día da marmota, a axenda de problemas é a mesma que ao comezo da crise", manifestou o viceportavoz de En Marea, que acusou aos populares de acudir á Cámara para "representar o papel de voceiros da legalidade" mentres "miran para outro lado nos casos de corrupción".

Neste punto, instou á bancada azul a aprobar a proposta de En Marea que pide a creación dunha Fiscalía anticorrupción en Galicia, un aspecto sobre o que non houbo acordo nas negociacións entre populares e rupturistas durante a tarde do xoves.

REI E CONSTITUCIÓN

Ademais, Sánchez avanzou que En Marea votará en contra da proposta dos populares que pide apoiar o discurso pronunciado polo Rei Felipe V sobre o conflito de Cataluña. "Votaremos que non porque non admitimos leccións de democracia do herdeiro de Franco, faltoulle cuestións de estilo, pero sempre se sabe que as copias son malas", manifestou.

Precisamente, sobre o conflito catalán, aproveitou para asegurar que "o valor dunha Constitución política baséase na súa capacidade para acompañar os cambios da sociedade" e "non en aferrarse ao inmobilismo". "Vostedes están ao servizo dos consensos obrigados, nós a favor da pluralidade", sinalou. "Non hai dereito na Constitución que vostedes non teñan golpeado ou ultraxado", apuntou.

Neste punto, trasladou á Cámara a proposta de resolución de En Marea que pide que o Parlamento de Galicia recoñeza o dereito dos pobos a decidir. "Para decidir libremente as relacións das nosas nacións con outras nacións e co Estado", apuntou.

Tras iso, debullou algunhas das medidas que En Marea leva ao debate de política xeral, como á ampliación dos recursos para Política Social e a creación dunha renda básica de cidadanía que substitúa á actual Risga. Así mesmo, pediu un plan de choque contra o emprego, outro contra a explotación laboral e a ampliación dos recursos de protección para as persoas maiores.

Ademais, reclamou a retirada da Lei de iniciativas empresariais por considerar que facilita ás empresas "a repartición do botín mineiro, enerxético e forestal" e instaura "o modelo colonial da explotación dos recursos".

Todo iso antes de afear ao presidente da Xunta que exerza de "militante sumiso" do Partido Popular de Madrid e de "non estar ao servizo de Galicia". "Sacrifica todos os intereses dos galegos, traga rodas de muíño e aplaude cando os seus amigos ultraxan a Galicia", censurou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta