Os retos do novo líder do PSdeG

Gonzalo Caballero ten que tecer fino se non quere repetir os problemas nos que caíron todos os líderes socialistas que o antecederon. Uns problemas que se resumen en fobias e filias persoais. E, aínda que gañou en tres provincias e en seis cidades, o certo é que o poder institucional do seu partido non o ten da súa man. A composición da súa Executiva será fundamental para comprobar se existe ou non vontade de integración.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 10/10/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Gonzalo Caballero ten por diante un traballo inxente se quere que o PSdeG volva ser o PSdeG. É dicir, volva converterse nun referente en Galicia, non só como segunda forza política, senón coma unha alternativa sólida de goberno ao PPdeG. Unha tarefa, que polo momento, semella moi difícil, dada as grandes diferencias que existen entre as distintas familias do PSdeG.

Juan Díaz Villoslada felicita a Gonzalo Caballero tras ser elixido secretario xeral do PSdeG
Juan Díaz Villoslada felicita a Gonzalo Caballero tras ser elixido secretario xeral do PSdeG | Fonte: Europa Press.

E o certo é que o socialismo galego é, hoxe por hoxe, un “reino de taifas”, en palabras dun vello militante que foi deputado. Un “reino de taifas” cheo de líderes con tantas fobias persoais que volver unir ao Partido Socialista en Galicia non semella tarefa fácil.

“Pola forza non imos a ningún sitio”, dicía o candidato perdedor, Juan Díaz Villoslada xusto ao coñecer os resultados da súa derrota. Un aviso a navegantes. E o certo é que no seu sector, ao que tanto Xoaquín Fernández Leiceaga coma o propio Gonzalo Caballero chamaban “oficial”, a vitoria deste supón un punto e aparte.

O novo líder socialista deberá fiar fino senón quere que o partido, como acontece no caso de Pedro Sánchez, sexa un xigante con moita forza pero sen cabeza. Un corpo que sosteñen os militantes, pero unha cabeza que controlan os varóns que aínda conservan poder institucional. Porque, as tres deputacións e as dúas grandes cidades que goberna este partido en Galicia estań en mans de xente que non é afín a Caballero.

O poder institucional, a debilidade

“Podes ter todo o apoio da militancia que queiras, pero se o poder institucional non o controlas, de que che serve?”, indica este militante histórico consultado. Por iso, a labor do novo dirixente debe ser tender pontes, un obxectivo que, a curto prazo semella difícil porque esas pontes directamente non existen no caso de Vigo e da dirección provincial en Pontevedra tras anos de enconado enfrontamento entre Gonzalo Caballero e o seu tío, o rexedor de Vigo, Abel Caballero. E, precisamente é en Vigo, onde debe comezar esa reconciliación se o novo secretario xeral do PSdeG non quere caer nos erros dos seus antecesores.

Leiceaga, Gonzalo Caballero e Villoslada, candidatos durante o proceso de Primarias do PSdeG
Leiceaga, Gonzalo Caballero e Villoslada, candidatos durante o proceso de Primarias do PSdeG | Fonte: Ser-Galicia

“Temos que facer un esforzo de compañeirismo que fortaleza ao partido”, suliñaba no seu discurso. Un discurso no que chamaba á integración e que, polo momento, enterraba os machados de guerra de días anteriores.  “Polo menos fixo un discurso cariñoso. Agardemos que iso se traduza en tentar tender pontes”, aseguran a GC fontes do entorno do seu tío.

“Eu confío en que o faga, aínda que iso vai ser difícil porque ten un carácter tamén difícil”, comenta outro dirixente consultado próximo a el. Por iso, entre os novos retos que ten Caballero está o de tentar deseñar unha Executiva Federal Galega “integradora” ou, cando menos, “non excluínte”. E nese organigrama deberían estar todas as “familias” do PSdeG. Ou iso sería o lóxico segundo as fontes consultadas.

O seu equipo

Con todo, “é aínda moi precipitado”, falar do seu equipo. Segundo as fontes consultadas,  un dos postos fundamentais da súa nova Executiva será o de Secretario de Organización. “Ten que ser alguén que apaga lumes, que saiba dialogar e que tente tender pontes”, apuntan. E esa persoa podería ser Martín Seco, o portavoz local do PSdeG en Arteixo. Unha persoa da súa total confianza e que conseguiu que os apoios a Caballero foran case totais na súa agrupación –só houbo un voto en contra de case oitenta papeletas--. “Ademais é unha persoa do norte co que se compensa o da territorialidade norte-sur”, indican.

Nesa Executiva, as fontes consultadas tamén sinalan que estará xente de Leiceaga, ademais do propio voceiro parlamentario que podería ser o futuro presidente desa Executiva. Un posto que podería servir para que o propio Caballero acabe na Cámara como deputado e como futuro voceiro. Pero para iso, debería dimitir un dos parlamentarios de Pontevedra. E o único, a día de hoxe con algunha posibilidade de facelo sería Julio Torrado, de Vilagarcía. “Pero, obviamente, dándolle algo a cambio”, indican estas fontes.

A batalla das provinciais

En todo caso, “é precipitado falar aínda de nomes”, aclaran as mesmas fontes que apuntan que onde se verá, realmente, a vontade de integración ou non do novo líder socialista, será nos congresos provincias. “Haberá que ver se quere dar a batalla nas catro provincias ou tenta buscar pacto co sector oficialista”, indican as fontes consultadas. 

“Hai quen o está tentando para que vaiai a por todas”, suliñan. E o certo é que os resultados deste domingo avalarían a súa vitoria en tres provincias. A de Pontevedra estaría “bailando”. “Haberá que ver se se decide a conquistar Pontevedra... Se o fai, entón iniciará unha guerra sen cuartel co seu tío e esa guerra ten imprevisibles consecuencias”, engaden. “Así que, o máis lóxico é que, a pesar dos odios e fobias persoais, o lóxico é que acabe imperando a cordura”, conclúen.

O novo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero
O novo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 AgoraPortavoz

Gonzalo debería entrar en el Parlamento de Galicia, en sustitución de Julito (que tampoco es que se note mucho) y ser nuestro portavoz que para eso lo eligió la militancia como voz visible y única del PSDEG. A la par, agradecer los servicios prestados a Leiceaga que después de su fiasco electoral contra Feijoo, bien podría ser un magnífico candidato a secretario general de su agrupación. Toca ser generoso todos con Gonzalo que para eso ganó.

1 cervantes

Espero que non se cole no seu equipo Beatriz Sestayo, sería o peor que lle podía pasar a Gonzalo