Debe a Xunta loitar para que a Axencia Europea do Medicamento veña a Galicia e non a Cataluña?

Feijóo xustifica que esta institución europea poida ir a Barcelona porque “segue sendo España”, aínda que di que a Xunta non retirou a candidatura galega para acoller este organismo, que deixará Londres cando se complete o 'Brexit'.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/10/2017 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Asociación de Médicos Interinos de Galicia (Asmig) pedía hai uns días ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que reclamase a sede da Axencia Europea do Medicamento para Galicia, xa que "os recentes acontecementos que se están sucedendo en Cataluña poderían facer fracasar a candidatura de Barcelona para albergar a EMA (polas súas siglas en inglés)".

Sede da Axencia Europea de Medicamentos en Londres.
Sede da Axencia Europea de Medicamentos en Londres.

O presidente galego non descarta esta posibilidade, aínda que recoñece que Barcelona ten máis papeletas porque “segue sendo España” e porque alí se concentran as principais industrias farmacéuticas do Estado. "De feito, algunhas fontes falan xa sen andrómenas de que a Cidade Condal sería xa descartada pola UE para albergar a Axencia Europea do Medicamento pola situación de grave inestabilidade política", apuntaba hai uns días a Asmig. “É o momento de que outras cidades españolas tomen a substitución de Barcelona e volvan entrar no bombo", indicaba.

A Axencia Europea do Medicamento ten programado facer a mudanza antes de que se culmine o proceso do Brexit, isto é, marzo de 2019. Por iso, a institución abriu en abril deste ano a candidatura para cidades europeas dispostas a ser a nova sede. Será en novembro cando se coñeza a decisión final para albergar a nova sede, á que optan un total de 19 cidades europeas. Galicia presentou a súa candidatura, pero finalmente o Goberno central, e malia estar en marcha o proceso de independencia catalán, apostou por Barcelona como a opción do Estado español para acoller esta importante axencia; candidatura que ademais apoia a Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios.

Asmig advertía de que España podería así quedar sen ningunha sede de axencias europeas tras o Brexit, ao obrigar o Goberno central a retirar outras candidaturas presentadas no seu día, como a de Galicia ou a de Andalucía (Málaga), en prol de Barcelona. “Aínda que os prazos están moi axustados, Galicia aínda podería optar á sede da EMA, no caso de que o Goberno español decidise renunciar á candidatura catalá", indicaba a entidade. "A pertinaz insistencia da ministra de Sanidade (de orixe catalá) para levar a Cataluña a EMA deuse de bruzos coa crúa realidade dun proceso cuxos riscos eran máis que evidentes hai xa moitos meses", engadía Asmig.

A XUNTA DI QUE MANTÉN A CANDIDATURA 

Medicamentos
Medicamentos

Por iso, considera que "agora chega o momento das lamentacións, a non ser que se actúe con rapidez e se proceda a promover a candidatura de Santiago, A Coruña ou Vigo como reposto de Barcelona", indicaba a Asmig.

En resposta a esta inquietude dos médicos interinos e preguntado por GC, Feijóo daba a enteder na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves que Barcelona segue sendo a aposta do Goberno de Rajoy. “Que saibamos, Barcelona e Cataluña seguen sendo España”, respondeu.

En todo caso, e contrariamente ao que di o Goberno español, apuntou que a Xunta “non retirou” a súa candidatura aínda. “Cremos que Galicia ten as condicións axeitadas”, dicía ao tempo que recoñecía que se propoña Barcelona porque nesta cidade e en Madrid se concentran as principais industrias farmacéuticas do estado. “Pero en Galicia temos unhas instalacións importantísimas de investigación como son as do Campus Vida”, engadía.

Pero o certo é que o Goberno central mantén a súa aposta por Barcelona e desbotou a candidatura galega hai xa meses. Tanto é así, que o pasado venres España presentou ás delegacións diplomáticas dos Estados comunitarios en Bruxelas ante a Unión Europea a candidatura catalá cunha presentación a cargo do embaixador español ante a UE, Pablo García-Berdoy.

Tamén dende hai tempo, e como puido saber GC, a Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios, con sede en Madrid, apoia de xeito incondicional a candidatura de Barcelona, pola que está facendo promoción interna e externa, e manexa enquisas entre os traballadores da Axencia Europa do Medicamento que situarían a candidatura barcelonesa entre as favoritas dos funcionarios europeos.

Así as cousas, sorprende que coa formulación oficial de Barcelona como a elixida por España, o presidente da Xunta manteña que Galicia segue sendo candidata a acoller esta axencia europea. Con todo, unha futurible declaración de independencia de Cataluña podería mudar as cousas, pero non garante a opción galega. Preguntado por este xornal, o Ministerio de Sanidade decidiu non contestar ao respecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

5 unmais

O que temos que facer os galegos e apoiar a candidatura portuguesa, iso si chegando a un acordó para que sexa en Braga ou no Porto, na vez de Lisboa, xa queen Portugal o gobernó apoia Lisboa, pero a maioria das empresas apoian ao norte. A sinerxia entre as empresas do sector instaladas en Galiza coas instaladas en Portugal beneficiaria a ambos, como o caso de Ctitroen coas auxiliares en Porugal ou o textil con Inditex e as fabricas portuguesas

1 Non digas que chove

A Citroen é a fábrica de coches cos soldos máis baixos de españa, e con menor industria auxiliar, a proximidade a portugal só trae deslocalización e soldos baixos.

4 Balbino

Catalunya consegueu coa independencia o mesmo que Galiza có centralismo, que marchasen a sedes das empresas para Madrid, curioso cando menos. Non mirei ós telexornais nin as TV darlle importancia a que as empresas máis grandes dá Galiza fosen pa Madrid, nin os paletos españolistas que viven eiquí protestar.

3 Ya está bien

No los gallegos son una pandilla de fascistas

2 Galego emigrado

Xa se ve o "discriminada" que está Cataluña polo Goberno central, si. Unha proba máis das mentiras do independentismo catalán, que repite mil veces unha mentira para convertila en "verdade" (bos alumnos de Goebbels). En pleno procés e desafío ao Goberno central a Rajoy e os seus non se lles ocorre outra cousa que discrminar a outras partes do Estado e darlle todo a Cataluña. Pero nada, que sigan mentindo Puigdemont, Junqueras e toda esa tropa de manipuladores, e que lles sigan aplaudindo os borregos que lles cren as mentias. Dereito a decidir, si, pero dereito a manipular e mentir, non. Por dignidade, por coherencia e por respecto a outras partes do Estado, o señor Rajoy debería retirar a candidatura de Barcelona para acoller esa axencia, e o Govern catalán debería acatalo por coherencia logo de terse proclamado independentes.

1 teutonio

Mimadriña, que fantasmas, Galicia coas condicións axeitadas, o que hai que oir. España xa ten demasiadas axencias mentras que hai estados que non teñen ningunha. Por outra banda, poden as cidades galegas competir con Lille, Copenhagen, Varsovia, Praga, Helsinki... ou soamente cumprir os criterios establecidos de accesibilidade, servizos pros funcionarios, etc. e seducir aos milleiros de traballadores afeitos a Londres?. Se xa se manifestaron en contra da posibilidade de Bratislava, non os vexo eu aceptando Santiago ou Ourense por riba das outras opcións xa mencionadas. http://www.consilium.europa.eu/en/i...