Por E.P. | VIGO | 16/10/2017 | Actualizada ás 12:07
A morte dun septuaxenario cando apagaba un incendio subido a un muro nunha parroquia de Vigo eleva a catro as vítimas mortais pola vaga de incendios que afecta a Galicia.
Segundo confirmaron a Europa Press fontes sanitarias, ás 22,10 horas do domingo o 061 recibiu o aviso da caída dun home desde un muro na zona de Rial cando apagaba un lume na parroquia viguesa de San Andrés de Comesaña.
Ao lugar acudiu unha ambulancia medicalizada para atender ao home A.C.S., de 70 anos de idade, que ingresou cadáver no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo.
OUTROS TRES FALECIDOS
Os incendios cobráronse a vida doutras dúas persoas no interior dunha furgoneta tras verse na tarde do domingo atrapadas polo lume nun incendio na parroquia de Chandebrito, en Nigrán (Pontevedra).
A hipótese que se baralla é que as dúas persoas viaxaban nunha furgoneta cando se viron atrapadas polas lapas dun dos incendios declarados na localidade do Val Miñor.
Ademais, unha persoa de idade avanzada, veciño da parroquia de Abelenda, no municipio de Carballeda de Avia (Ourense), converteuse na terceira vítima mortal por mor da vaga de incendios que afecta a Galicia.
Segundo confirmaron a Europa Press fontes da Consellería do Medio Rural, o cadáver deste terceiro falecido foi achado nun galpón situado detrás da súa casa.
A hipótese barallada é que o señor quixo ir apagar pola súa conta e risco as lapas que cercaban a súa vivenda, pero caeu e non foi capaz de levantarse, ata que foi alcanzado polas lapas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.